
O OUFF será o escenario para a presentación de dous libros
23 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival de Cine de Ourense reforza un ano máis o seu compromiso coa cultura en todas as súas formas a través dos Encontros Literarios. Esta actividade, que se enmarca dentro da 30.ª edición do certame, busca destacar a relación entre o cinema e a lectura, recoñecendo como ensaios, memorias, investigacións e obras de ficción teñen enriquecido a historia do audiovisual.
Este ano, o festival presentará dous libros que darán lugar ao encontro e ao debate entre o público e os seus autores. O primeiro deles terá lugar o mércores 24 de setembro ás 20.00 horas na Libraría Tanco. O activista do cinema e o audiovisual galego Manolo González presentará o seu libro O Cineísta Andarengo.
A obra viaxa á Galicia dos anos 20 e 30 a través da lente de Bernardino de Lamas, pseudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón, que filmou preto de trescentas películas coa súa cámara Pathé Baby. O libro reivindica o cinema amateur como unha expresión de amor pola vida e a imaxe, afastado da narrativa profesional.
O segundo evento celebrarase o sábado 27 de setembro ás 12.30 horas no café Ceres 1984, coa colaboración da Libraría Eixo. A actriz e escritora Ruth Gabriel presentará o seu libro Mujeres de Cine, un traballo que rescata a historia de 30 actrices clásicas do audiovisual español nacidas entre 1900 e 1965.
A través de relatos inéditos e ilustracións de Vanessa Santos Fraules, a obra revaloriza o legado de figuras como Carmen Sevilla ou Verónica Forqué, referentes das novas xeracións. Durante o acto, Ruth Gabriel compartirá a súa experiencia e visión sobre estas mulleres que marcaron unha época.