
A produción de Voz Audiovisual, que se verá na TVG, pon o foco en dúas mulleres
04 oct 2025 . Actualizado a las 18:18 h.A sala do Teatro Principal de Ourense asistiu a estrea, dentro do OUFF, da serie O home perfecto, producida por Voz Audiovisual en colaboración coa Televisión de Galicia. O equipo que participou na produción deuse cita onte para presentar esta ficción seriada de trece episodios. Baseada en feitos reais que se poden ler nos xornais de casos de vítimas das estafas do amor, O home perfecto pon o foco en dúas mulleres, de distintas idades, que poden sufrir este tipo de enganos, explicou Fernanda Tabarés, produtora executiva. As producións de Voz Audiovisual, sinalou a súa directora, teñen «apego ao que está sucedendo», unha vocación que vén do alento que proporciona o vencello co xornal.
Un elenco coral, do que forman parte Alba Loureiro e Elena Seijo —actrices que protagonizan os dous primeiros capítulos—, Desiree Pillado, Javier Fonseca, Carlos Villarino, Andrea Fernández, Marta Doviro, Trisha Fernández ou Tito Asorey, citouse en Ourense para asistir á proxección do primeiro dos episodios. Fernanda Tabarés precisou que unha das singularidades desta serie é que ten dous arranques.
O home perfecto está codirixida por Giselle Llanio (Lume, Pensión Incompleta) e Lucía Estévez (O niño dos paxaros, Xan). A cineasta de orixe cubana Giselle Llanio dirixiu o primeiro episodio. «Tiñamos necesidade de reflectir a situación das estafas do amor, e unha responsabilidade grande con esta historia, con mulleres que se xuntan para loitar con este tipo de maltrato. É unha serie moi feminina, con moitas actrices, e houbo unha conexión forte», avanzou Llanio. Alba Loureiro interpreta a Rebeca, de 35 anos, nese primeiro episodio. A actriz defendeu que hai que «quitar prexuízos» sobre este tipo de enganos, que lle poden pasar a calquera, e que esta serie pon en valor «as vítimas que toman cartas no asunto e se xuntan para facer xustiza». Elena Seijo interpreta a Luísa, de 70 anos, «unha muller culta e intelixente» que cae nunha destas estafas. Poderase ver este mes na TVG.
Sobre o elenco masculino gardouse o misterio, porque non se quere revelar quen é ese home perfecto. Saberase ao longo da serie. A directora, Lucía Estévez, comentou que se fai fincapé na importancia das redes sociais, que se poden converter nun inimigo cando nelas se verten comentarios de persoas que non comprenden estas situacións. «É unha serie moi actual, e o máis bonito é o foco nas historias femininas», afirmou Estévez.
O ámbito é urbano —comeza na Coruña—, pero pode acontecer en calquera lugar. «Hai moitas sorpresas e novidades. Centrámonos en historias de mulleres, pero non desde o vitimismo. É unha historia universal», engadiu Llanio.