Guillermo Carbajo: «Estrear no Principal é un luxo porque é o teatro máis bonito de Galicia»
OURENSE
«Nas Nubes», a última montaxe de Redrum Teatro, empezará a rodar co público de Ourense
04 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non é a primeira vez que Redrum Teatro elixe Ourense para estrear algunha das súas propostas escénicas. A última foi «Un home con lentes de pasta», que botou a andar no Teatro Principal en abril do 2021. «Para nós este é un escenario fetiche», asegura o actor e produtor Guillermo Carbajo, que lembra que tamén foi nesas mesmas táboas onde estrearon a súa primeira obra: «A pensión», dúas décadas atrás. Agora é o momento de «Nas nubes», a última proposta da compañía compostelá. «Estrear no Principal é un luxo, porque é o teatro máis bonito de Galicia, pero aparte, nesta volta tamén temos no elenco á ourensá Carlota Mosquera, así que con máis motivo», apunta Guillermo. A cita será o sábado 15 de novembro, ás 20.00 horas, cun espectáculo baseado nun texto de José Luis Baños de Cos que foi o gañador da decimo quinta edición do premio Barriga Verde. Trátase dunha comedia pensada para facer gozar a todos os públicos e que aborda un tema de máxima actualidade: a chegada da intelixencia artificial. A influencia que ese novo avance tecnolóxico terá de agora en adiante nas nosas vidas é sobre o que especula esta proposta escénica que pretende entreter e sorprender. O espectador atopará dende música en directo a números circenses nun espectáculo que tamén está aberto á improvisación. Enriba do escenario, xunto a Guillermo Carbajo e Carlota Mosquera, estará Xúlio Abonjo. Os tres soportan o peso da obra que dirixe Alex Sampayo e que conta con Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación; Davide González no espazo sonoro; Malala Ricoy na asesoría circense e Marta Alonso na dirección de movemento. Da escenografía encargouse a firma Escenoset e Nicolás Zamorano foi o artesán que creou os monicreques.
Entradas xa á venda
«As nubes» é o vixésimo primeiro espectáculo de Redrum Teatro e conta coa subvención da Xunta de Galicia mediante as axudas á produción de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como coa colaboración do Concello de Teo, onde se fixo o pase de preestrea. As entradas, con prezos que van desde os 12 euros, pódense mercar a través da páxina Ataquilla.com.
A compañía, que estivo por última vez en Ourense hai apenas dúas semanas, na última edición do Fito, con «Sophie non é o meu nome de guerra», funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e á distribución de espectáculos dende o ano 2009.
Boa parte das propostas de Redrum Teatro están enfocadas ao público familiar. «Moito Conto», «Roedores», «A nena que quería navegar» ou «Os contos do Lobicán», son algunhas das que saíron desta factoría. Pero tamén ten un amplo repertorio de éxito nas de adultos, como foron «Currículum vitae», «Noiteboa», «A canción do Elefante», «Idiota» ou «O mozo da última fila».