Volverán a repetirse

Eladio Santos

OURENSE

Foto dun dos incendios forestais deste verán na provincia de Ourense.
Foto dun dos incendios forestais deste verán na provincia de Ourense. Alejandro Camba

09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os incendios, os lumes. Despois dos terribles incendios que padeceron os ourensáns e ourensás no mes de agosto cómpre actuar e planificar estratexias cun obxectivo irrenunciable: que non volva a suceder.

Unha situación nunca vista antes, nin pola intensidade nin pola extensión da superficie queimada. As análises da ciencia, da universidade, dos expertos en xestión forestal conclúen unanimemente: se non hai cambios estruturais profundos, volverá a suceder. De feito, xa o previron desde os lumes de 2022... e sucedeu no 2025.

O conxunto de causas pode agruparse en dúas grandes liñas. Por unha banda, o cambio climático e a emerxencia climática. Por outra, o abandono de actividades e vida no rural e a falta dunha ordenación territorial, que provoca unha presenza de grandes masas de combustible vexetal.

Resulta ridículo facer recaer en pirómanos illados a causalidade do problema dos lumes en Galicia. En todo caso tan só serían un elemento desencadeante, nunca un factor estrutural.

Respecto ao cambio climático, desde unha perspectiva local semella que non se pode facer moito, pero cando menos, non negalo. O Goberno de España convocou o pasado 14 de outubro unha convención para abordar os problemas de emerxencia climática. O Partido Popular decidiu non acudir. Non había nada que falar? Non é un tema importante para Galicia? Nega o cambio climático? Non ten interese en afrontar un dos feitos que a ciencia atribúe como causa dos lumes.

Respecto ao abandono do rural e a ausencia de ordenación é imprescindible abordar as causas estruturais con valentía e con medidas profundas e transformadoras: restauración, prevención e reordenación. Reunirse con todos os sectores afectados: alcaldes, comunidades de montes, gandeiros, cazadores, industria madeireira, universidades e científicos... Ningunha iniciativa coñecemos do Goberno autonómico de Galicia neste sentido. Nin sequera de protección do monte queimado fronte ás escorreduras. Tan só a activación de brigadas de voluntarios, nunha labor encomiable, pero ningunha medida seria e profesional de protección e restauración do monte.

Todas as iniciativas que se apuntan, de maneira improvisada, van na liña da extinción ou limitación dos lumes futuros. Acaso xa o Goberno galego asume que volverán suceder? Renuncia a loitar contra as vagas de lumes cada vez máis destrutivas? Condena con esta actitude á degradación da paisaxe e o rural na provincia de Ourense.

Non debemos renunciar nin perder o horizonte do noso obxectivo máis ambicioso: que non volva a suceder!

Eladio Santos é o subdelegado do Goberno en Ourense.