O artista ourensán mostra a súa obra ata o 10 de xaneiro no vestíbulo da biblioteca Nós
02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Durante todo o mes de decembro e ata o 10 de xaneiro a biblioteca Nós acolle no seu vestíbulo a mostra «Cousas miñas» de Xosé Manuel Rodríguez Mojón, Moxom, un artista cunha longa traxectoria na talla en madeira.
—Que poderá ver quen se achegue á mostra?
—Titúlase «Cousas miñas» e é unha escolma de obras de tódalas épocas, incluíndo pezas de colección particular e outras inéditas feitas para a ocasión. É un pouco orientada ó público máis novo que non me coñece… E tamén para que a persoa que coñece a miña obra un pouco máis seria vexa a miña parte máis creativa. Porque teño pequenas pezas de creación que fago con determinados materiais sen ser a madeira.
—Trátase, polo tanto, dunha exposición moi ampla.
—Si. É unha mostra que recolle distintas vertentes do meu traballo. Teño a parte gráfica e a parte de escultura. É unha exposición moi pechada para ensinar un pouco todas as facetas. Hai obra moi pequena e tamén 24 debuxos tipo «collage», da miña etapa na banda deseñada.
—Que significa para vostede expoñer neste espazo?
—O sitio agrádame moito polo tipo de público que se move pola biblioteca… Vexo un abanico máis amplo. E tamén me interesa que coñeza a miña obra máis xente.
—Leva máis de 30 anos traballando a madeira de forma autodidacta. Como lembra este percorrido?
—Eu penso que foi moi bonito porque foi moi lento. Ó principio, cando es novo, queres que todo vaia máis rápido, pero penso que foi moi boa cousa que o camiño fora de vagar. Deume tempo a madurar como persoa e tamén coa miña obra. Cheguei ós sitios moito máis preparado.
—Mantense a esencia da súa obra?
—A esencia non cambiou, porque sempre fun unha persoa moi creativa. Agora son un pouco máis crítico co que fago. Unhas exposicións fan que melloren as seguintes.
—En que punto se atopa como artista?
—Estou nesa franxa na que ou saio ó mercado do coleccionismo cunha persoa ou galerista que se emocione coa miña obra ou busco a forma de que non estea amontoada nun sitio calquera e se perda de ver por non ensinala.
—Ten realizado 84 exposicións en Galicia e Castela e León. Como ve o panorama artístico en Ourense e os espazos para exhibir obra?
—Neste momento vexo a miña vida como un pouco de retirada. Non quere dicir que vaia deixar de facer cousas, pero… Fóra de Ourense teño algo programado. Ó mellor máis adiante planifico unha antolóxica na sala Valente, que é o único sitio no que me falta expoñer en Ourense. E estou falando co meu concello, co de Montederramo, a ver se a miña obra pode quedar alí para sempre dalgunha forma.