Alguén do meu círculo familiar ten moi vivo o lugar de Nocelo, porque lle trae o sabor dos pementos fritos nos veráns da infancia. Referímonos aos pementos de Arnoia, río que discorre polo concello de Baños de Molgas e dá nome a estas afamadas hortalizas.
Sen saír da provincia de Ourense, atopamos o devandito Nocelo nos municipios de Porqueira e Sarreaus. Non parecen ter en común ningunha característica orográfica que nos poida remitir a unha semellanza coa palabra «nocello», algo como «parte saínte ou nó»; por iso debemos facer pescudas noutra orixe.
Nunha estela funeraria da antiga Gallaecia aparece o antropónimo Nicer, identificado como Nicer Clutosi, príncipe dos Albións, que ocupaban a zona de entre Lugo e Asturias. Outras formas documentadas son Nocus, Noca, Nocius, Nucius e Nuccus, que estarían máis próximas a Nocelleiro en Pontevedra, Nocellas en Huesca e Nocina en Santander.
Non é fácil rastrexar o significado do nome do príncipe mencionado pero, postos a buscar similitudes, quedo con Nicolás ou Nicodemo, de orixe grega, co significado etimolóxico de «vitoria do pobo».