Os escolares de Valdeorras terán un papel destacado na gala de entrega do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán
A RÚA
O xoves remata o prazo de presentación de obras ao concurso
29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O proxecto As Letras de Florencio traballa xa na gala de entrega do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán, para o que está aberto o prazo de presentación de obras ata o xoves 29 de setembro. A intención é que sexa unha gala moi participativa con grande presenza dos escolares da zona. A directora do proxecto, Débora Moldes, iniciou un percorrido polos centros de primaria para traballar co alumnado conceptos sobre a lingua galega presentes na poesía do autor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) que este ano protagoniza o Día das Letras. Despois será ese alumnado o que constrúa os lemas que estarán no recibidor do Teatro Lauro Olmo no photocall da gala. Participarán máis de douscentos alumnos dos colexios Manuel Respino da Rúa, Virxe do Camiño de Rubiá, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo, Divina Pastora e Julio Gurriarán do Barco. No caso do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras, como veciños da aldea de Florencio, a súa participación na gala centrarase noutro cometido que se desvelará na presentación prevista para o mes de outubro. O obxectivo é que toda esta rapazada viva como algo especial e sentíndose protagonista os eventos do ano de Florencio.