Medio millar de escolares celebraron en A Rúa unha xornada de convivencia educativa en galego

La Voz OURENSE / LA VOZ

A RÚA

Santi M. Amil

Os pequenos estieron acompañados polos mestres dos dezaoito centros educativos participantes e por perto de trescentos pais e nais

29 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O colexio Manuel Respino de A Rúa, acolleu unha nova edición da xornada de convivencia que protagonizan Cholo e Nela. Estas dúas mascotas do encontro de alumnos de infantil, que xa vai pola edición número 24, foron os guías dos pequenos nas actividades programadas baixo o lema «Ciencia e conciencia». Nesta ocasión a proposta reuniu a case cincocentos de dezaoito centros de educación infantil da provincia de Ourense e que acudiron moi ben acompañados. Alí estaban seus mestres e máis de trescentos pais e nais cos que compartiron unha xornada centrada no xogo e no aprendizaxe coa lingua galega como ferramenta principal.

A actividade, que se desenvolve cada ano con grande implicación da comunidade educativa, tivo como eixo unha unidade didáctica creada por un equipo de docentes arredor de dous personaxes de ficción: Cholo, unha pinga de auga do río Sil, e Nela, un globo do país da fantasía. A través das súas aventuras, o alumnado afondou en valores como o respecto polo medio ambiente, o coñecemento da contorna e a convivencia desde unha perspectiva lúdica. Os participantes puideron compartir os traballos desenvolvidos ao longo do curso, intercambiar experiencias e gozar dun día de encontro.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na cita e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para «pór en valor o galego dun xeito lúdico e educativo entre a cativada». Tamén enxalzou a «enorme implicación» dos centros e das familias, sinalando que actividades coma esta contribúen a dinamizar o uso da lingua galega desde a infancia e a promover a aprendizaxe a través do divertimento.