A institución considera á filologa alemá a autora da primeira tese sobre o galego
07 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Academia Galega reivindica na súa páxina web a figura da filóloga alemá Margot Sponer (1898 - 1945) e a súa relación con Galicia, e de xeito especial coa provincia de Ourense, coa revista Nós e con Vicente Risco.
Segundo se recolle no artigo Quen foi Margot Sponer, a investigadora «foi, probablemente, a autora da primeira tese de doutoramento sobre a lingua galega».
A RAG lembra que encamiñou a súa carreira académica cara ao estudo das linguas, de xeito particular ao da Filoloxía Románica e da Xermánica, presentando na Universidade de Berlín unha tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden, (Documentos do galego antigo) en xuño de 1935. No traballo recolle documentos galegos que están datados entre os anos 938 e 1494 e segundo a Academia «a tese pode ser considerada unha das primeiras sobre a lingua galega, se non a primeira, segundo o profesor da Universidade de Compostela Antón Figueroa».
Artigos en 1926 e 1927
Na entrada da páxina web da institución, recóllese que o primeiro contacto documentado de Margot Sponer está recollido nas páxinas do número 35 da revista Nós (1926), no que a filóloga informa sobre a súa visita «ao noso país na procura de documentación para a súa tese». Ao ano seguinte, no número 37 de Nós, publica un artigo titulado
Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega
. No texto, a investigadora chama a atención xa naquela altura de que a lingua de Galicia «vai perdendo a súa enxebreza e dando entrada no seu léxico cada día a máis palabras e xiros castelás. Fenómeno inverso pódese ouservar no pobo de Cataluña, ond?un ardente amor ó seu failles estudar cada día máis afincadamente a perfeición e enxebreza do seu idioma». No artigo cita termos recollidos en Francelos, Ourense, Allariz e Ribadavia e agradece a colaboración e o esforzo de Risco na defensa do idioma.
Vítima dos nazis
Coa chegada de Hitler ao poder e o inicio da campaña de depuración da universidade, moitos docentes foron expulsados. A súa irmá Hertha, profesora de Física, fuxe en 1934 a EE. UU., e Margot Sponer foi expulsada da universidade en 1942 e condeada a morte en 1945 polas súas actividades na resistencia antinazi.