 
	
											O festival de poesía e música de Allariz estenderase durante tres días de outubro cun amplo cartel de actividades culturais
30 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Poemagosto de Allariz acada a internacionalidade na súa cuarta edición. O encontro dedicado á poesía e á música prolongarase durante tres días, entre o 13 e o 15 de outubro. Un dos obxectivos dos organizadores era ampliar o calendario de actividades para reforzar a imaxe de Allariz como «vila literaria», dixo onte César Lorenzo, de Aira das Letras, na presentación do evento cultural na sé da Fundación Vicente Risco.
A internacionalidade amósase na presenza por primeira vez dun exemplo da poesía asiática, coa participación do chinés Hu Xudong e da brasileira Francesca Cricelli. Iso non merma o «compromiso coa poesía galega, sobre todo a feita por mulleres», segundo Lorenzo. A presenza feminina é ampla no Poemagosto: Antía Otero, Yolanda Castaño, Vanesa Glemsel, Irene Fernández, Olga Novo... Os poetas darán recitais polas rúas de Allariz, participarán en sesións a micro aberto e o domingo 15, nun combate poético entre os que escriben poesía en galego.
Nos últimos anos, explicou César Lorenzo, a poesía tomou un «cariz máis social». Publicar xa non é o obxectivo final e tampouco escribiren illados na soidade dos seus cuartos, senón que os poetas actuais difunden as súas creacións en directo e están en contacto co seu público, abundou. Carlos da Aira repasou os apoios empresariais que ten o Poemagosto e que permitiron o seu crecemento. Ademais de dar visualización internacional ao festival, detívose na parte musical do evento, que tamén abrangue os tres días. Para o venres pola noite Antía Otero e Yolanda Castaño están preparando un «recital sorpresa», que abrirá boca a actuación a seguir do cantautor madrileño Luis Pastor, unha das voces da Transición.
O sábado pola mañá, a programación acórdase dos nenos, coa actuación de Peter Punk Pallaso e o cartel máis roqueiro quedará a para a noite, na carpa instalada onde o Festival Internacional de Xardíns. Alí actuarán Folkólicos, A Compañía do Ruído e Raiba. O domingo, Cinta Adhesiva poñerá o ramo cun concerto poético, con música adaptada aos poemas de Silvia Penas.
A ampliación a tres días do Poemagosto dá para moito. Antonio Orihuela e David Castillo ofrecerán unha charla recital e presentarase o libro Hermano Asno. O xantar do sábado na Fundación Vicente Risco será o «punto de referencia para xuntar aos poetas co público», dixo Carlos da Aira. Un público que aínda é maioritariamente local pero no que se mestura de xente de fóra.