O soño dunha noite de San Xoán

Xosé Lois Carreira TRIBUNA ABIERTA

ALLARIZ

Santi M. Amil

23 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai moitos anos que vin por vez primeira unha escultura de Agustín Ibarrola. Ben seguro que moitos de vostedes tamén, aínda sen reparar nesa cuestión. Foi ala polos primeiros anos oitenta no longo ástrago da madrileña Estación de Tren de Chamartín, nunha da primeiras e incontables visitas médicas á capital coas que cada pouco a xordeira me agasallaba. Tiven moitas ocasións de ollar aquela Ola feita de ferro, vellas travesas do tren e mar. Entre idas e voltas fíxose visita obrigada. Non ouvir é como vivir sen sobresaltos, sen tempo nin estrondo, como nun cadencioso baile de desenfocados viandantes e transeúntes de finísimas pegadas sen murmurio que anticipaban o máxico momento de pechar os ollos diante da obra e sentir toda a forza da auga escachando contra as rochas, espuma, sal e brea. Unha gozada inesquecible para un cativo da Limia de dez anos.

Tempo despois e xa encetando Belas Artes en Bilbao, facultade berce da arte vasca por excelencia, tanto artista como obra foron o pan de cada día. Compre subliñar que Ibarrola xunto con Oteiza, Chillida, Basterretxea, Mendiburu e outros, pertenceu ao chamado Grupo Gaur que xa viña dende os anos sesenta apuntando directamente á vangarda da escultura e a arte internacional cun traballo daquela absolutamente rompedor, orixinal e singularísimo, de eco mundial, e cuxa influenza, discurso e cheda aínda se recoñecen nitidamente nos artistas de hoxe en día. Porén, cal foi a miña sorpresa cando no verán de 1999, rematados os estudos e cunha incipiente carreira artística xa en marcha na nosa terra, e a través do industrial do granito de Vilar de Santos, Antonio Nogueiras, si a memoria non falla, chegoume a proposta de participar nun proxecto multisectorial que o Concello de Allariz co inesquecible Anxo Quintana á cabeza viña desenrolando facía un tempo no chamado Eco Espazo do Rexo e que englobaba a restauración orográfica, paisaxística e fluvial dun tramo do río Arnoia, unha explotación bovina, unha fábrica de queixo de calidade, unha escola pastoril e de silvocultura e unha central hidroeléctrica, e onde a persoal intervención artística in sito de Agustín Ibarrola capitalizaba toda esta singular iniciativa. Seica precisaban un artista da comarca para tarefas varias, algún tallado, inscrición ou esgrafiado na pedra, pintura ou asistencia en xeral.

E alí estaba El, mestura de avó, mestre e druída, sempre humilde e cordial, aberto a calquera tipo de suxestión, e que de mañanciña sempre chegaba o primeiro ó lugar. Era un máis na ducia de rapaces do primeiro curso de Belas Artes de diferentes facultades de toda a península, Pontevedra engadida, que o axudaban. Naquel contexto máxico ben pareciamos trasnos, fadas e diaños no luar dun solsticio de verán, todos saídos da obra de Shakespeare Soño dunha noite de San Xoán. Un soño feito realidade. Mirado hoxe coa perspectiva que dan os vinte anos transcorridos, non só se trata dun proxecto artístico singular, senón que foi pioneiro e visionario en cuestións vitais como ecoloxía, sostibilidade, alternancia enerxética, maximización do valor endóxeno, optimización do recurso natural, paisaxístico, de posta en valor da cultura rural, anticipando e pondo enriba da mesa problemas, diagnose e solucións contrastadas co único método científico fiable, xuíz sumario das demagoxias, o paso inexorable do tempo. Allariz soubo anticipar problemas xa daquela preocupantes, hoxe de severa emerxencia climática, enerxética, migratoria, e facendo realidade o soño dunha noite de San Xoán.

Xosé Lois Carreira é artista.