Allariz recoñeceu o traballo do actor Miguel de Lira co galardón «RIR Contigo»

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Miguel de Lira recolleu o premio RIR Contigo en Allariz
Miguel de Lira recolleu o premio RIR Contigo en Allariz Cedida

O  Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia clausurou a súa sétima edición

08 sep 2024 . Actualizado a las 11:45 h.

Miguel de Lira é todo un clásico do panorama escénico e audiovisual galego. Moitos anos de traballo, proxectos e recoñecementos nunha dilatada carreira que vai dende o mítico Evaristo Currás da serie de televisión Mareas vivas aos seus máis recentes papeis nas dúas entregas da película Cuñados, pasando polas montaxes do seu grupo de referencia: Chévere.

 O Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia de Allariz, RIR, rendeulle homenaxe ao actor que no seu día decidiu usar o nome do seu pobo como apelido artístico coa entrega do seu galardón. E foi na gala de clausura, celebrada na noite do sábado, cando Miguel de Lira foi agasallado co premio RIR Contigo. Un acto, o da entrega de premios, que contou con outro compañeiro de profesión como mestre de cerimonias, xa que foi o actor galego Avelino González o encargado de presentar a convocatoria coa que se pechou o RIR 2024.

A iniciativa creada en Allariz, o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia, celebrou este ano a súa sétima edición e o volume de obras a concurso, as actividades paralelas —do teatro infantil ás presentacións de libros de cine— e os encontros teñen demostrado que había un oco en Galicia para un certame centrado na comedia.