O Festival Internacional de Xardíns de Allariz ofrece ata outono nove propostas paisaxísticas para reflexionar sobre o cambio climático
ALLARIZ

Os deseños seleccionados para a exhibición deste ano chegan de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Ecuador, Uruguay, México, Bolivia e Austria
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu este sábado as portas da súa décimo quinta edición cun acto que congregou no recinto próximo ao río Arnoia paisaxistas, representantes institucionais, veciñanza e visitantes. A nova proposta desta iniciativa dedicada á creatividade paisaxística e á conciencia ambiental poderá visitarse ata o 31 de outubro, e as persoas que o fagan poderán votar polo seu xardín favorito, mantendo vivo o espírito participativo que caracteriza este evento.
Co lema «Cambio climático, unha oportunidade para o xardín», a edición deste 2025 propón unha reflexión innovadora sobre o papel dos espazos verdes ante a crise climática. Entre as preto de 40 propostas presentadas, foron seleccionados nove xardíns internacionais, ademais do creado polo alumnado do CEIP Padre Feijoo de Allariz e os dous xardíns premiados na pasada edición que contan tamén co seu espazo no recinto. Os proxectos participantes chegan este ano desde Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Ecuador, Uruguay, México, Bolivia e Austria, consolidando o carácter internacional do festival.
A inauguración contou cunha actuación especial do grupo de cantareiras Ergutío, unha presenza significativa ao coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras, símbolo da poesía oral galega. Tamén estiveron presentes os membros do xurado, presidido polo paisaxista portugués Francisco Caldeira Cabral, e formado por representantes da Asociación Española de Paisajismo, da Asociación Galega de Empresa de Xardinería, da Universidade Politécnica de Madrid e do Concello de Allariz. Tamén estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que destacou a importancia da colaboración institucional para facer realidade proxectos de proxección internacional coma este festival de xardíns de Allariz.
Durante a cerimonia de apertura desta edición entregáronse diplomas aos equipos participantes, recoñecendo o seu esforzo e calidade creativa e tamén se deron os premios aos xardíns gañadores da edición anterior: ó equipo The Gallerists (Viena), que levou o premio técnico da Asociación Española de Paisajismo; e o do público que recibiu a composición titulada «El jardín al revés», de Manuel Amigo, Ane Txintxurreta e Selva Vallverdú.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, foi a encargada de pechar o acto institucional, agradecendo a implicación de todas as persoas presentes e salientando o valor deste festival como motor de creación, dinamización económica e mellora da calidade de vida a través da arte e a natureza. De seguido o público puido visitar por primeira vez os xardíns que compoñen esta edición 2025 e tamén participar en obradoiros e actividades didácticas sobre o cambio climático. A xornada concluíu cun concerto da Banda Unión Musical de Allariz.