Avión na leira

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

AVIÓN

Gualdino, xa de coronel, no centro da imaxe
Gualdino, xa de coronel, no centro da imaxe

31 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro de poucos días cumpriranse 75 anos dunha aterraxe de película nunha leira de Lestimoño, na parroquia de San Vicenzo da Graña (Ponteceso), ao lado da Agra de Tella. O curioso é que o avión era un caza do exército de Portugal, nas mans dun piloto de 25 anos, daquela alférez: Gualdino Moura Pinto, que co tempo sería un dos principais aviadores portugueses. Aquel día de maio de 1950 tivo mala sorte, porque saíndo de Bragança cara o sur de Oporto, avarióuselle a brúxula, había moi mal tempo e tirou cara o norte, aterrando en Ponteceso cando xa non lle quedaba nada de combustible. E tivo boa sorte tamén, porque non lle pasou nada, e os veciños axudárono a saír de alí, primeiro, e a sacar ao avión, días despois. Un aeroplano que, por certo, chamábase Ou vai ou racha, frase que moitos da zona empregaron durante un tempo para determinadas situacións.  

Non hai moitas historias de avións pola volta, coa excepcións dos que caeron en tempos da segunda guerra mundial, norteamericanos ou alemáns. Deses hai ata libros, e algunha foto colgada en bares e casas, e memorias que esmorecen, mariñeiros que acudiron a axudar os primeiros e que xa non están, e pilotos que, máis de 60 anos despois, lembraban aquela chegada á Costa da Morte da maneira máis inesperada e inoportuna. Pero puideron contalo, que xa é moito. Como Gualdino Moura, que sería comandante en bases militares de África e de Cabo Verde, e que nunha entrevista, ao pouco do suceso de Ponteceso, relataba con absoluta normalidade a peripecia. Houbo máis así de aterraxes forzosas, sobre todo en praias, e por fortuna quedaron en anécdotas.