
Celebra esta fin de semana a Festa do Peixe, que inclúe campionatos de pesca e caza, feira de artesanía e música
19 may 2016 . Actualizado a las 17:37 h.Bande acada este ano a edición número corenta e cinco da súa Festa do Peixe. Desde mañá e ata o domingo a gastronomía e o deporte protagonizarán a axenda do municipio pero haberá tamén música. O alcalde, José Antonio Armada, e o representante do Clube O Peixe, José Emilio Rodríguez, presentaron onte o programa deste ano, que inclúe o tradicional campeonato de pesca, «o xerme desta celebración», en palabras do rexedor. Este ano a cita deportiva do domingo estará vencellada á solidariedade. «Para facer a inscrición débese entregar un quilo de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos», explicou José Emilio Rodríguez.
A competición desenvolverase no río Limia, con más de medio cento de pescadores procedentes de Galicia e do norte de Portugal. «É un dos campionatos máis antigos de Galicia e dos poucos que hai de peixes, que é algo noso de Ourense», detallou Rodríguez.
Pola súa parte o rexedor de Bande incidiu no aspecto gastronómico desta festa, declarada de interese turístico de Galicia. Para a fin de semana hai previstas degustacións de produtos tradicionais, na praza da Constitución. Pero Armada tamén aludiu ó compoñente lúdico, con actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas e Pandereteiras de Bande, e as charangas Os Bandiños e BB+, que participarán mañá na inauguración.
O sábado celebrarase ao longo de todo o día un concurso de caza, e tamén unha gincana fotográfica en familia, ademais dun mercado de artesanía no que participarán preto de corenta postos.
A exhibición de patinaxe de nenos de Bande e unha demostración de salto con patíns, a cargo de Freestyle Slalom Vigo, contribuirán a poñer unha nota deportiva. o denominado Charangódromo de Bande actuarán as charangas Compostela e Mekánica. Ademais haberá una sesión de pinchadiscos a cargo de Montamos la fiesta.
O programa festivo da Festa do Peixe de Bande non se olvida dos máis cativos. Para eles está pensado o espectáculo Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica.
O domingo, ademais do citado campionato de pesca, actuará a Charanga de Bande, o grupo Castrexos e haberá un concerto de acordeóns a cargo da asociación cultural Os Gandeiros da Baixa Limia. Tamén está prevista unha exhibición de zumba.
Ao remate da xornada haberá oportunidade de recuperar folgos coa degustación dos peixes capturados ao longo do día, xunto con empanadas e pan artesanal do forno de Vilar de Bande. «O obxectivo non é outro que buscar os sabores de antes e manter vivas as nosas tradicións», explicou José Antonio Armada.
O ano pasado participaron na Festa do Peixe, en Bande, preto de 1.500 persoas.
O alcalde, José A. Armada; José E. Rodríguez, do Clube do Peixe; e Rosendo Fernándezi FOTO m. villar