Esperanza Rodríguez: «A introdución de droga por mar é a acción máis habitual nesta zona»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

BANDE

Cedida

Subxeja de Embarcación do Servizo de Vixilancia Aduaneira e nada na Bandeira, leva case un ano destinada na Unidade Combinada Huelva

14 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustábanlle as ciencias naturais pero, finalmente por unha arroutada; segundo ela mesmo recoñece, acabou estudando náutica e transporte marítimo cando anos atrás escaseaban as mozas interesadas polas máquinas. Pero a Esperanza Rodríguez Caramés (Bandeira, 1996) non lle pesa a decisión tomada despois de cursar estudos no seu municipio natal de Silleda, que a levou a ser na actualidade Subxefa de Embarcación do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Huelva.

—Pode sorprender que sendo do interior apostase por unha carreira relacionada co mar. Como foi esa decisión?

—Podemos dicir que foi un pouco unha arroutada. En segundo de BAC decidín facer unha carreira con contidos totalmente diferentes ao que se ve no instituto, para probar algo novo. Comenteille a situación á orientadora do centro, xa que non as tiña todas comigo, e abofé que foi todo un atino porque trouxo a un enxeñeiro naval de Ferrol para que nos dese unha charla. Contounos todo o relacionado sobre o tema marítimo, e as diferentes opcións laborais que había.

—Estudou náutica e transporte marítimo, un ámbito moi masculinizado?

—Tempo atrás si que era moi raro que unha muller estudase náutica ou máquinas, pero xa no ano que eu estudei, e máis nos posteriores, eramos bastantes rapazas. Si que hai máis homes ca mulleres, pero pouco a pouco iso está mudando.

—Como xurdiu o seu contacto co servizo de vixilancia aduaneira?

—Foi en terceiro de carreira cando viñeron ata a facultade da Coruña unha patroa e un maquinista do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA)) a darnos unha charla informativa. Foi a primeira vez que escoitei falar sobre o tema. Quedei bastante fascinada con todo o que dixeron, ademais interesoume moito a estabilidade que me podía aportar o traballo.

—E aí entrou. É un servizo que nos soa, pero en que consiste exactamente?

—O principal cometido é a represión dos delitos e infraccións de contrabando, a loita contra o tráfico de drogas e outros delitos relacionados. Dende a rama marítima temos a labor de loitar contra eles dentro do ámbito mariño, sendo a nosa principal función a de patrullar a bordo dos buques propios do SVA, aínda que tamén se realizan outras funcións de control e vixilancia por terra.

—Como é o organigrama do SVA?

—A xente de navegación que aproba o A2 entra coma patrón do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Os postos que pode desempeñar un patrón son o de xefe de embarcación, cuxo principal cometido é ser a persoa que ten o mando a bordo; ou coma subxefe de embarcación, que axuda ao xefe e ten tamén o cometido de liderar a tripulación de presa. Cando chegas nova, coma en todos os sitios, primeiro tes que ir aprendendo. Dentro da tripulación á que pertenzo, son a patroa que menos tempo leva, polo que o mando normalmente correspóndelle ao que leve máis tempo no servizo e conte con máis experiencia. Na actualidade o meu posto habitual é o de subxefa de embarcación.

—Cales son os delitos e infraccións máis habituais nos que operan en Huelva?

—A acción máis habitual que se realiza neste zona é a introdución de droga por vía marítima, empregando para iso embarcacións semirríxidas; coloquialmente gomas. Simplificando, isto implica que a mera posesión de droga máis o seu transporte supón un delito de contrabando e contra a saúde pública. Ademais dende o ano 2018 estas embarcacións semirríxidas están consideradas como xénero prohibido a efectos da Lei de Contrabando, polo que a posesión destas embarcacións pode supoñer un delito de contrabando en si, aínda que teñen que darse unhas certas características.

—Tocoulle vivir algunha situación de axuda humanitaria?

—Nas xornadas que levo en Huelva nunca vin pateras con xente necesitada, pero si che podo dicir que no caso de que existise algún risco para as vidas humanas no mar temos a obriga de acudir ao auxilio.

«Estás sempre cos nervios a flor de pel, aínda que teño xente moi válida disposta a axudar»

Esperanza soubo da existencia do Servizo de Vixilancia Aduaneira en terceiro de carreira; lembra, polo que de cativa obviamente nunca contemplou a opción de formar parte da tripulación dunha embarcación, que varía dependendo do tamaño dos buques nos que se traballe. Así un posible equipo contempla, puntualiza, un xefe de embarcación máis un subxefe de máquinas, postos ocupados por funcionarios de propulsión, e por último os axentes marítimos; con funcionarios co título profesional de mariñeiro.

Cun ano de servizo, esta profesional silledense non dirixiu ningún operativo pero iso non significa di, «non estar cos nervios a flor de pel, aínda que aquí teño a sorte de que hai xente moi válida e moi bos compañeiros, que sempre están dispostos a axudar e compartir a súa experiencia». O que lembra como especialmente complicado foi unha actuación no río Guadalquivir cando perseguían a unha semirríxida que encallara en beiramar varios metros dentro de terra, «saltamos ao fango para capturalos. Era a primeira vez que me vía nesa situación, e fíxoseme eterna a distancia ata o lugar no que encallaran co fango case ata cintura, e sen apenas poder camiñar. Todo saíu ben e capturamos aos tripulantes». Situacións que entrañan perigosidade pero que forman parte da vida desta silledense á que o seu Concello declarou (In)Visible de xuño. Un recoñecemento que a asustou un chisco, «pois non adoito compartir a miña vida nas redes, pero tamén me gustou que pensaran en min e lles parecese curioso o meu traballo, e dar a coñecer o SVA xa que moita xente non sabe que é».

Soña con traballar en Galicia, pero mentres non se troca en realidade, regresará a Silleda a visitar á familia e aos amigos como fai cada dous meses.