A igrexa e o cemiterio de Bande acolleron a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, orientado a galeguizar os ritos funerarios
08 nov 2025 . Actualizado a las 18:09 h.A igrexa de San Pedro de Bande acolleu este sábado a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, unha iniciativa que organiza cada ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) coincidindo coa conmemoración do Día de Defuntos. O obxectivo é fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e con esta cita búscase animar á reflexión sobre a incoherencia de despedir ás persoas falecidas nun idioma distinto ao que empregaron en vida e abrir un debate social sobre o valor afectivo e identitario da lingua propia para consolidar o uso do galego nos momentos máis solemnes da existencia.
No acto participaron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da AFNLG; Roberto Álvarez Sánchez, arcipreste da Baixa Limia; Xesús Manuel Suárez García, secretario da Alianza Evanxélica Española; Tamara Méndez, médica forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Ourense; e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, xunto con varios alcaldes da provincia. Todos eles asinaron unha declaración que fixaba os compromisos que asumía cada unha das partes: A asociación de funcionarios colaborará na elaboración dun catálogo de modelos de necrolóxicas e lápidas en galego, adaptados ás diferentes crenzas e sensibilidades, que serán ofrecidos a empresas funerarias e familias; a Secretaría Xeral da Lingua a prestar apoio técnico e económico para facer efectiva a normalización do galego nos ritos funerarios; o arcipreste da Baixa Limia a fomentar o uso do galego nas cerimonias litúrxicas, animando o clero da súa xurisdición e trasladando tamén a proposta ao Bispado de Ourense; e a Alianza Evanxélica Española promoverá tamén o uso do idioma propio nos cultos de despedida e homenaxes das persoas falecidas.
Pola súa banda, a Deputación de Ourense asume o compromiso de impulsar a colocación de placas conmemorativas nos cemiterios e facilitará a substitución de lápidas en castelán por outras en galego, en colaboración coas familias interesadas, e os responsables dos concellos tamén falarán coas empresas do sector para que ofrezan os seus servizos tamén en galego. Na declaración queda plasmado que eses negocios funerarios tamén asumen a tarefa de participarán activamente na galeguización das necrolóxicas, ao igual que a vontade do Imelga de promover o uso do galego nos documentos e informes institucionais da súa actividade.
Tras ese acto de rúbrica dos compromisos, os asistentes desprazáronse ao cemiterio municipal de Bande, onde o presidente do Parlamento de Galicia, descubriu un novo epitafio en galego no seu panteón familiar, substituíndo o escrito en castelán e encabezado cos primeiros versos dun poema de Celso Emilio Ferreiro: «Quen poidera mirarte, dende o cume do outeiro, Santa Comba de Bande».