![](https://img.lavdg.com/sc/73FijSA0HIcg9ID5FthFzPDuVtY=/480x/2023/10/01/00121696153381772334931/Foto/P_20230917_210127001.jpg)
O cadro vilagarcián precisa comezar a sumar de 3 en 3, mellorando a súa paupérrima produción en ataque
01 oct 2023 . Actualizado a las 11:47 h.Dicir que o Arousa está obrigado hoxe (A Lomba, 18 horas) a gañar o partido da cuarta xornada de Liga de Tercera RFEF resulta unha apreciación obrigada polo peso dos feitos. Con tan só 2 dos 9 puntos disputados ata o momento, o cadro que dirixe Luisito Míguez non pode aspirar nas vindeiras semanas a outra cousa que pisar con forza o acelerador para sumar de 3 en 3 de cara a recurtar canto antes os 7 puntos que xa lle saca a UD Ourense á fronte da clasificación nada máis empezar a carreira de fondo cara o ascenso.
Como a semana anterior, o Arousa enfróntase esta tarde a un rival que acaba de chegar de volta da Preferente Autonómica. Se hai sete días tocou o pechacancelas, un Arzúa que sumou o seu primeiro punto a costa dos de Luisito, hoxe o atranco chámase Barbadás, antepenúltimo clasificado co mesmo botín de partida co seu anfitrión, logo de empatar na casa co Silva (0-0) e co Sarriana (1-1) e de perder entre medias na súa visita ao Betanzos (2-0).
Con todos os seus efectivos dispoñibles sobre o papel, a gran materia pendente do cadro arlequinado é a finalización. Unha parte fundamental no éxito de calquera equipo que aspire ao título. O solitario e insuficiente tanto da primeira xornada no feudo do Rápido de Bouzas foi todo canto celebraron os de Luisito, que na véspera do choque apuntou que espera a un Barbadás que tente impoñer un ritmo baixo de xogo buscando espremer o balón parado.