Vitoria curta pero valiosísima dun Vilalonga superior

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

BARBADÁS

Imaxe dun partido anterior do Vilalonga, fronte ao Arousa
Imaxe dun partido anterior do Vilalonga, fronte ao Arousa MARTINA MISER

Marcos Blanco, de penalti no minuto 81, deulle o triunfo sobre un Barbadás cunha única chegada

13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía na véspera do choque o adestrador do Vilalonga, Alberto Mariano, que, gañara ou perdera este sábado fronte ao Barbadás, o seu equipo daría un paso importantísimo de cara ao seu futuro na Tercera Federación. Finalizado o encontro, con 1-0 no marcador final, o movemento do conxunto celeste resultou un paso adiante cuxa relevancia queda de manifesto no acercamento que os de Alberto Mariano fan respecto a un Barbadás que, con 30 puntos, só lle saca xa 1 ao Vilalonga, correndo o perigo de acompañalo na zona de descenso directo se na tarde de hoxe o Valladares se impón ao Boiro.

O certo é que o resultado non lle fixo xustiza ao equipo local. Pero por curto. Sen dispoñer de infinidade de ocasións, o Vilalonga si asinou as suficientes para ter gañado con máis amplitude e non precisar dun penalti por man no minuto 81 para decantar un partido no que o Barbadás só fixo intervir o porteiro local, Rodri, nunha ocasión. E iso, a mediados da primeira metade, cando o cadro ourensán lle gañou as costas á zaga arousá cun pase filtrado a Esteban. O seu disparo escorado acabou nas mans do gardamallas do conxunto anfitrión.

Sabedor da aposta do Barbadás por xogar parapetado en bloque baixo, Alberto Mariano mandou os seus a presionar alto. Con iso, e cunha sobresaínte solidez na defensa do balón parado, a practicamente única arma dispoñible no arsenal do seu visitante, o Vilalonga non pasou o menor apuro. Pola contra, xa na primeira metade puido ter aberto o marcador. Con dous cabezazos de Diego ao primeiro pau en cadanseu saque de esquina que se marcharon por pouco polo segundo pau. E sobre todo, nun man a man de Iker Villanueva, que entre liñas se plantou só diante de Borja Atanes, driblándoo e enviando o coiro dirección ao interior dos madeiros, para toparse cun entregado David Nespereira. O defensa visitante empregouse tan a fondo, que rematou chocando cun poste, obrigando a interromper o partido catro minutos para ser asistido.

Na segunda parte o dominio do Vilalonga foi incontestable. Un monólogo ao que lle faltou algo de mordente, con ocasións de Marcos Blanco, un disparo lixeiramente desviado de Monchito e outra de Rachu. Ata que unha man na área no medio dun barullo rematou en penalti e gol de Marcos Blanco.

FICHA DO PARTIDO:

VILALONGA (1): Rodri, Nico, Diego Abal, Rachu, Marcos Blanco (Portas, min 90), Roi (Monchito, min 58), Martín, Tomás, Iker Villanueva (José Filgueira, min 77), Dieguito (Hugo Abalo, min 77) e Wachi. 

BARBADÁS (0): Borja Atanes, David Nespereira, Dani Sanches, Corzo, Gabri Losada, Konate, Esteban (Fer, min 46), Pablo Rubio (Xinzo, min 81), Brian (Brais Pardo, min 46), Rivero (Alberto Nóvoa, min 76) e Gabi. 

GOL: 1-0, min 81: Marcos Blanco (de penalti).

ÁRBITRO: Alejandro Castro Alarcón. Expulsou con vermella directa o delegado do Barbadás, José Ramón Padrón, no minuto 90. O colexiado amonestou o xogador local Monchito e os futbolistas visitantes David Nespereira, Corzo, Brais Pardo e Xinzo, así como o seu adestrador, Guillermo García, e o e o adestrador auxiliar do Barbadás, Iván Rodríguez.