A Festa do Cabalo de Cartelle nacía superando todas as previsións

La Voz O BARCO

CARTELLE

PILI PROL

No 1998, a provincia estreaba unha cita co mundo equino que aínda se celebra

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi 1998 un ano con citas importantes no mundo cultural, con algunhas que aínda se manteñen no tempo, como a Festa do Cabalo de Cartelle, que daquela botaba a andar. Foi tamén o momento da consolidación da volta das cegoñas á provincia, e tamén o ano no que rachou a paz dentro do sindicato UGT.

 

Abarrote en Cartelle

Primeira Festa do Cabalo. En 1998 celebrouse a primeira Festa do Cabalo en Cartelle, unha cita multitudinaria que superou todas as previsións. Tanto foi así que 30 dos xinetes que querían competir quedaron fóra por chegar tarde, nunha competición que xuntou a cen deportistas. Desde as provincias de Ourense e Lugo chegaron 106 cabalos. E non menos concorrida estivo a comida, con máis de 800 persoas presentes.

 

 

un ex rolling stone

Concerto de Mick Taylor. O Festival Internacional de Blues Cidade de Ourense abarrotou Expourense co concerto que ofreceu Mick Taylor, que durante seis anos fora un dos músicos dos Rolling Stones. Na súa carreira tocou tamén con Bob Dylan ou Mike Oldfield, entre outros. No seu concerto en Ourense estivo acompañado pola All Star Blues Band.

 

 

Volven as cegoñas

Controladas máis de 60 parellas. A provincia festexaba no 1998 que as cegoñas volvían ser unha especia presente. Dez anos antes, o animal a piques estivera de desaparecer de Ourense, posto que só había unha parella rexistrada. No ano 1990 eran 20, e en 1994 sumaban 39. Daquelas había xa 61 parellas e 135 crías.

 

 

división na ugt

Víctor Pariente gañaba as eleccións. Por primeira vez na súa historia UGT Ourense tiña que ir a eleccións para elixir nova directiva, xa que había dúas listas diferentes. Un total de 80 delegados acudiron á votación, que se celebrou entre unha grande división interna. Finalmente, a lista liderada por Víctor Pariente foi a gañadora, ao conseguir 38 votos fronte aos 35 que logrou a candidatura de José Luis Fernández Celis.