
Cartelle mantén viva a celebración cun programa para todas as idades
09 jul 2025 . Actualizado a las 17:10 h.As festas patronais de San Benito de Cartelle chegan este verán cunha mensaxe clara e directa: ofrecer propostas para todas as idades e manter viva unha tradición que, en palabras dos propios organizadores, corría o risco de desaparecer. Non hai grande investimento empresarial detrás, nin comisión organizadora oficial, pero hai algo que resulta aínda máis valioso: compromiso veciñal, memoria colectiva e ganas de celebrar.
Así o explica Lucas Hermida, un dos impulsores desta edición, que xunto con outro veciño da vila decidiu asumir o reto de organizar a festa ante a renuncia da comisión que tiña asignada esta tarefa. «Collémola sen ser nós a comisión. A quen lle tocaba renunciou, entón consideramos que se se deixaban pasar as festas ían quedar no esquecemento», conta con determinación.
Como gran novidade, esta edición, marcada para o 11 de xullo, busca atender ós distintos públicos do municipio, desde a xente máis nova ata os máis veteranos. Para facelo posible, optouse por unha fórmula de financiamento baseada no apoio veciñal, sen grandes obxectivos económicos marcados por adiantado. «A nosa proposta foi pedir polas casas e co que xuntemos tratar de traer o mellor posible, pero sen poñernos metas como traer a Panorama ou xuntar 50.000 euros», explica Lucas. Ademais, tamén contaron con recursos como a venta de rifas que esconden premios de ata 200 euros.
A programación arrinca o venres cun pasacalles e unha banda de gaitas, seguido da procesión e a misa, e remata co clásico vermú no campo da festa, un encontro cargado de simbolismo para os veciños que levan anos acudindo con puntualidade. Pola noite, haberá un festival con catro pinchas que mesturarán música dos anos 90 e 2000, pensado para un público adulto que non se identifica coas propostas máis xuvenís. “É a nosa aposta para a xente que non é tan adolescente”, afirma o organizador. O sábado estará dedicado aos máis pequenos, pero con vocación de festa interxeracional. Ademais de colchonetas, haberá xogos tradicionais como tiro con aro, chave, rá ou bolos, nos que tamén poden participar pais e avós. «Queremos que todos os presentes poidan gozar da verbena, independentemente da súa idade», recalca. A xornada incluirá unha festa da escuma —xa mítica— e, por primeira vez, unha festa Holly. Para rematar, está prevista unha cea con aforo limitado a unhas 250 persoas, acompañada da actuación do grupo La Tremenda e do DJ DMR.
Con todo, a resposta da veciñanza foi moi positiva, tanto a nivel de participación como de colaboración económica. “Este ano as cotas veciñais mantivéronse ou incluso foron superiores”, destaca. Ademais, o apoio do Concello de Cartelle, que colaborou tanto a nivel material como económico, resulta fundamental para sacar adiante unha festa feita para todos os públicos.