A choiva parou xusto antes de iniciarse os festexos, aos que asistiron miles de persoas
20 ene 2025 . Actualizado a las 12:08 h.Os preparativos para a Festa dos Fachós comezaron hai xa meses en Castro Caldelas. Trala sementeira, en agosto foi a sega, en novembro a malla e, despois de tanto traballo, chegou o momento de prenderlle lume a todo. Miles de persoas encheron onte a localidade ourensá pese a que o festexo coincidise en domingo.
Hai que ter en conta que, sexa o día que sexa, a Festa dos Fachós non se move do 19 de xaneiro, pase o que pase. Incluso aínda que faga moito frío, como ocorreu onte, non hai caldelao que perda a cita. E tamén son moitos os visitante que cada ano queren achegarse a Castro Caldelas a coñecer a súa tradición, como aconteceu de novo este domingo.
Así, entre lusco e fusco, comezou no adro da igrexa dos Remedios o rito do prendido dos fachós, con especial protagonismo para o máis grande, de cincuenta metros, que presidiu o percorrido de toda a comitiva polas rúas da zona vella da localidade. Despois houbo degustación de chourizos, viño, queimada e música de gaiteiros e charangas para prolongar a festa ata ben entrada a noite.
Ademais, nesta ocasión, gravouse un documental para dotar de contido o Museo dos Fachós, que o Concello planea abrir proximamente no castelo.