«Calquera pode aprender a bailar»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

Modesto Vispo, mestre de baile, leva ensinado a centos de persoas os bailes latinos e africanos

06 oct 2017 . Actualizado a las 18:08 h.

Modesto Vispo (Ramirás, 1967) leva trece anos ensinando a xente a bailar. Comezou concursando no baile deportivo -foi campión da segunda edición do trofeo de Ferrol e finalista de varios concursos- pero ao ter que cambiar ata tres veces de parella, por motivos laborais ou de estudos das mozas, decidiu deixar a competición e centrarse en ensinar aos demais. Comezou dando clases en Celanova, pero logo pedíronlle ampliar e xuntáronse grupos na Baixa Limia e na Valenzá.

Que o baile non é só unha cuestión técnica senón tamén social, ratifícao Vispo ao apuntar os motivos para que os alumnos se motiven a continuar: «Se saen a bailar, o grupo crece, na Valenzá crece cada ano porque saen os sábados ou cando hai ceas. Está moi ben ir a clase pero deben saír a bailar». E o mestre dilles aos seus pupilos que aproveiten para bailar con parceiros doutras escolas, de Xinzo, Ourense ou Allariz porque «cada un temos a nosa manía». Asegura Vispo que así é como máis se aprende.

El dálle clase aos seus grupos unha hora a semana. Pode ser suficiente para aprender, sempre que se aproveite para saír a practicar solos, sen o profesor. «O problema da zona rural, fronte ás cidades, é que nestas hai xente que empeza a clases e pode saír a bailar dúas ou tres veces por semana. No rural non hai esa facilidade», matiza. Aínda que en Ourense estamos ben, di o mestre, en canto a número de locais para baile latino, moita xente dos cursos de baile vai os venres a bailar a Palmera Playa, unha discoteca latina de Vigo.

Por moi torpe que un sexa cos pés, «calquera pode aprender a bailar. Cada un baila como sabe, di Dani Vázquez, que é un dos mellores e do que eu son fan. Hai xente que non ten oído e fai figuras pero son felices e iso é o importante. Van ás ceas e aos sitios, bailan como saben e divírtense. É suficiente e merece a pena ensinarlles polas ganas que lle poñen», argumenta Modesto.

As mulleres teñen, en xeral, «outra soltura para bailar», aínda que o profesor matiza que para elas é máis doado porque se teñen que deixar levar. Pero cústalles menos cambiar de parella que ao home. Estes, ao se veren obrigados ao troco, deixan de bailar. En cambio, «as mulleres levan unha marcha máis», asegura o mestre. Elas son máis decididas e por iso faltan homes en todas as escolas, explica Vispo. «Aos homes gústalles tamén bailar pero córtanse».

Nestas semanas están empezando coas clases dos novos cursos. É recomendable ir con parella, pero se non, nos grupos atópanse aínda que por esa falta de homes igual teñan que xuntar dúas mulleres e unha delas teña que facer o papel masculino. Pero tampouco nisto teñen problema as señoras, di Vispo. Así que non hai escusa para non aprender bailes latinos ou africanos como os que ensina este mestre, como o kuduru, -con coreografias que gustan moito-, a bachata sensual ou a salsa e o mambo de sempre, ademais do bum mundial dos últimos anos, o kizomba.

Ademais das clases, das saídas semanais, festas ou ceas, Modesto Vispo ten destacado ao longo destes anos por organizar festival Baila Conmigo, en Celanova, que cumprirá a súa duodécima edición no 2018. «Temos metido case mil persoas e enchemos restaurantes e prazas para durmir. Veñen campións de España e de Europa, hai talleres de baile profesional e congreso de SBK (salsa, bachata, kizomba)», detalla Vispo. O festival será no mes de xuño.

Pero ademais do evento de Celanova, xa consolidado, o mestre asegura que os afeccionados ao baile estarán de parabéns en Ourense no 2018, pois a cidade albergará, tamén no mes de xuño, o campionato de España de baile deportivo e de salón, ademais dun congreso internacional de SBK que será en marzo.

Quen é. Naceu en Suiza, pero é de Ramirás e en Celanova comezou a dar clases de baile e a organizar o festival Baila Conmigo hai once anos.

Que fai. Ensina bailes latinos e africanos a grupos de Celanova, Baixa Limia e A Valenzá. Tamén lle dá clases a nenos.