«O órgano engancha»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

María José Mosquera é a organista en Celanova e participa en actividades de difusión do instrumento

21 may 2019 . Actualizado a las 14:50 h.

O órgano está deixando de ser ese instrumento oculto no alto do coro das igrexas. Grazas a asociacións como Un rato no tubo ou a iniciativas como os concertos didácticos, para nenos e adultos, que se organizan en Celanova, está medrando o coñecemento do órgano. Nesta divulgación ten colaborado María José Mosquera como a organista da igrexa de Celanova.

-Por que se decidiu por este instrumento?

-Fixen a carreira de piano hai moitos anos. O meu traballo é ser profesora dun instituto en Xinzo e xurdiu a posibilidade de estudar órgano en Ourense. Marisol Mendive era a mestra. Fixemos o grao profesional de seis anos, Estaba Irma, que é organista e fai concertos didácticos. O de probar foi a máis porque o organo é un instrumento que engancha. Aínda que o piano dá unha base, como o control das mans, o órgano é un instrumento diferente.

-Cal é o instrumento máis especial que tocou pola súa sonoridade, antigüidade o algunha peculiaridade?

-Para min o máis especial é o de Celanova, pola proximidade, porque son deste concello, de Acevedo do Río. Desde 2007, cando foi o ano xubilar, son a que toca os domingos, nas liturxias ou nas vodas. Téñolle un cariño especial e agradezo ao párroco e á igrexa porque sempre me deixaron estudar aí.

-Como é a súa colaboración coa igrexa de Celanova?

-Cando Manolo Rey Olleros, que era o organista, marchou a Roma a facer unha investigación quedei eu. Foi o ano xubilar, con moitos grupos e moito traballo. E logo el foise para a catedral e seguín eu en Celanova para facer o acompañamento litúrxico. En Celanova toco os domingos, nas vodas se queren, nos días de san Rosendo ou Corpus, cando canta coral. Hai unha colaboración coa igrexa, que é fundamental pois é a que ten o lugar, e o Concello e a Fundación Curros Enríquez promoven iniciativas.

-E a labor de difusión cos órganos didácticos?

-Temos a asociación Un rato no tubo e Marisol Mendive empezou cos concertos didácticos para nenos. Desde a Fundación Curros Enríquez pensouse en facer o mesmo para grupos, de adultos, que visitaban a igrexa, xente que ven en familias ou dentro dun paquete de balnearios. É unha labor de difusión para dar a coñecer o instrumento, que é moi descoñecido porque está nas igrexas, alá arriba. Nestes concertos faise moi próximo e pódese facer outro repertorio máis variado.

-Valoran daquela máis os oíntes ao intérprete?

-Con estes concertos proxectamos o traballo do organista. Hai unha cámara que se mostra o que fai o organista, o pedaleo, enténdese e apréciase máis o instrumento. A xente sae contenta. Son un público marabilloso. Interactúas con eles.

-Hai máis mulleres organistas neste momento? Era un instrumento masculino o sen xénero?

-Era máis masculino porque estaba nas igrexas e o tocaban curas e monxes. Pero Marisol é muller e hai moitas mulleres que estudaron. O recente concerto en Fátima foi de olladas femininas do instrumento; mulleres que estudamos órgano demos a nos a visión, tocando e facendo proxeccións audiovisuais, de imaxes, poemas ou fragmentos de películas. Estivo moi ben, ademais en Fátima hai un órgano xenial.

-O repertorio evoluciona ou seguen cos clásicos?

-Eu son clásica, gústame a música antiga. Pero nas vodas, os noivos piden cousas como a banda sonora de Xogo de Tronos. Eu fago adaptacións, para que os que casan teñan un rato agradable, porque non é un concerto serio e permíteste esas licencias. As organistas en Celanova, Marisol, Irma e eu, sempre temos bandas sonoras, da Misión, Piratas do Caribe ou A vida é bela. Se o obxectivo é achegar o instrumento ao público, hai e tocarlles algo que lles soe. Bach é fundamental pero tamén é un clásico coñecido. Logo pásase a cousas máis difíciles.

-Hai novos proxectos?

-Seguir cos concertos didácticos cando os soliciten. E sempre hai ideas que vamos consolidando, como o concerto do Rexurdimento en Celanova, o día de Rosalía. Imos devagariño.