Celanova busca achegarse á figura da irmá de Celso Emilio

XIANA FOLE GARZA, C. A. OURENSE

CELANOVA

Cedida

Celanova acolleu ós familiares do escritor nunha reunión co alcalde, Antonio Puga.

02 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Celanova, terra de poetas, acolleu este martes ós familiares de Celso Emilio Ferreiro nunha reunión co alcalde, Antonio Puga. O encontro presentouse coma unha forma de establecer vías de achegamento entre a memoria do poeta e a súa terra, pois malia que a sede da Fundación Celso Emilio Ferreiro se atopa en Vigo, onde faleceu, os familiares queren asegurarse de manter vivos os vínculos coa súa Celanova natal.

Francisco Xabier Ferreiro e Luís Ferreiro, presidente e director da fundación, aproveitaron a súa visita para entregar a Antonio Puga un exemplar co poema Miña matria Galicia, premiado nos xogos florais bonaerenses de 1968: un canto ás mulleres galegas, viúvas de vivos e de mortos. Un exemplar coma este foi doado o ano pasado á Fundación Curros Enríquez como mostra de colaboración entre ambas entidades. O alcalde manifestou a súa intención de colocar o lema «Onde o mundo se chama Celanova» nunha das rotondas de acceso á vila, anunciándoo como un dos seus proxectos inmediatos. A familia, pola súa parte, propuxo a construción dun memorial baseado no libro de homenaxe á irmá do poeta, Leopolda Ferreiro, quen axudou ós presos do penal celanovés entre 1938 e 1943, anos de guerra e franquismo temperá. Foron 544 os presos que lle escribiron un documento de agradecemento. Así, a reunión entre Antonio Puga e os familiares de Celso Emilio Ferreiro abre novas vías para conmemorar tanto á familia Ferreiro como á vida e obra do poeta, na que el consideraba terra ebúrnea da súa mocidade.