Seaga está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias
19 jul 2020 . Actualizado a las 22:04 h.A Xunta completará está semana os traballos de roza e limpeza que está a levar a cabo nas marxes de estradas autonómicas da comarca de Celanova. En concreto, o vindeiro venres finalizarán as actuacións na OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado, e na OU-404, en Cartelle. Na provincia de Ourense están xa executados traballos de limpeza na OU-533, entre A Gudiña e Viana; na OU-540 e na OU-312, en Lobeira, e na OU-801, en Cortegada. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario. Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.