Raigame: o todo da cultura galega

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Os doceiros, a música e danza tradicionais realzaron a romaría en Vilanova dos Infantes

17 may 2024 . Actualizado a las 22:06 h.

A romaría etnográfica Raigame ateigou, como cada 17 de maio, as rúas e praza de Vilanova dos Infantes (Celanova). A chuvia fixo acto de presenza por momentos e o día estivo fresco, pero iso non botou para atrás aos milleiros de persoas que pasaron a xornada no burgo medieval. A música e as danzas tradicionais galegas deron un ambiente especial e os artesáns puideron contar e demostrar o seu saber ancestral. Había certo temor de que o tempo inestable retraera ao público, pero non foi así. Podíase andar ben por algunhas rúas, mais outras —especialmente aquelas nas que había postos de comida ou gastronómicos— estaban cheas de visitantes.

O oficio protagonista desta edición do Raigame eran os doceiros e, particularmente, un doce tradicional e histórico de Celanova: os bolos das Isoliñas, de Virginia y María Fernández, dúas irmás reposteiras que durante 50 anos tiveron unha tenda aberta na rúa Botica que fixo as delicias de pequenos e grandes. A súa familia recibiu, con emoción, o Premio Adolfo Enríquez. Foi Concepción Fernández García, irmá das homenaxeadas, quen recolleu o galardón.

O neto de Conchita, Jorge González, falou en nome da familia para agradecer o agasallo ao traballo de décadas das súas tías avoas e lembrou que Celso Emilio Ferreiro loou os bolos. A receita quedou recollida na revista Onde o mundo se chama Celanova. Os ingredientes eran fariña, azucre, tona de leite ou manteiga, ovos e un chisco de bicarbonato. Os bolos vendíanse na tenda das Isoliñas todos os días. Tamén facían merengues, os domingos, e «desaparecían», lembrou unha familiar. O alcalde de Celanova, Antonio Puga, non desbotou dedicar un día de festa na vila ao Bolo das Isoliñas. Todo feito a man, con moitas horas de traballo batendo ovos cunha batedora con cordas. Un aparello semellante ao que se conserva no Forno da Hermida, unha das panaderías tradicionais de Celanova, que nesta edición volveu ao Raigame. Os doceiros tiveron os seus postos no entorno privilexiado da torre de Vilanova dos Infantes. Alí estaban tamén o Fontelo de Celanova, A Casa das Bicas, de Laza, ou Sila, de Ribadavia, coas súas afamadas rosquillas de anís.

Ademais dos doces tradicionais había outros de «importación» que tamén triunfaron, como os pasteis de Belén ou as queijadas portuguesas que vendía, xunto con caldo verde, a asociación veciñal Gutier Menéndez, de Vilanova, a carón da muralla medieval do burgo que comezaron a restaurar. Un dos muros xa está limpo. Logo de retiraren unha figueira, habilitouse un espazo diáfano onde onte recibían aos visitantes. Coa colaboración do Concello esperan recuperar outra parede e, co tempo, colocar as pedras que saíron dos traballos. Como dixo o presidente da Deputación, Luis Menor, Raigame engloba todo e o marco, Vilanova, é parte dese todo.

Luis Menor: «Non hai mellor acto que reivindique as letras; é aquí onde se debe celebrar»

A celebración do idioma non se pasou por alto no discurso das autoridades que entregaron o Premio Adolfo Enríquez, antes do 2015 denominado Xan de Barros. Luis Menor, o presidente da Deputación de Ourense, salientou que o Día das Letras Galegas serve como «reivindicación da nosa lingua, o que mellor nos representa». Unha reivindicación do idioma, que é tamén a da cultura e a das tradicións de Galicia. «A lingua é o vehículo que une todo», dixo Menor, para engadir que a romaría Raigame tamén engloba todo: «O marco, as actividades, os oficios, a cultura, as artes e o galego. Non hai mellor acto que reivindique as Letras. É o lugar de Galicia —sen excluír a ninguén— onde se debe celebrar este día», defendeu.

No Día das Letras Galegas, a figura de Luísa Villalta estivo presente na celebración. A Sociedad Filatélica Miño presentou a tarxeta dedicada a esta edición do Raigame o un sobre cos doces —tema deste ano— coroando a torre máis o selo de Luísa Villalta, a poeta homenaxeada, cunha estampa na que autora aparece retratada co seu violín e a súa pluma. Esta sociedade ourensá fai todos os anos un selo conmemorativo do Día das Letras Galegas. A colaboración co Raigame tamén vén desde hai anos e incluso doaron un selo coa virxe do Cristal para a exposición monográfica sobre a imaxe, sobre a súa lenda e a tráxica morte do párroco don Adolfo que se abriu na torre de Vilanova das Infantes.

A representación de oficios tradicionais e de artesáns é outra das partes importantes da festa do Raigame, xunto coa comida que non pode faltar en ningunha festa galega. Cesteiros, canteiros e telleiros amosaron a súa forma de traballar. No posto de O Buraco, un telleiro do Rosal, ensinou como facían as tellas e os ladrillos con barro secado e logo cocido. Lembrou que nos vellos tempos os artesáns xuntaban a materia prima para facer as tellas cando se rompían polos vendavais do inverno. Os cativos tiñan a carón unha mesiña para practicar o moldeado do barro.

A chuvia ía e volvía, ás veces con golpes tormentosos desta primavera húmida, e os grupos de folk acollíanse baixo un lavadoiro para tomar un bocadillo. O polbo, o churrasco, e os choripans non faltaron para facer levadía a xornada. Os voos rasos dun helicóptero deturpaban o ambiente de principio de século XX que se pretendía conseguir. Por riba de todo triunfaron as gaitas e as voces galegas.