
Milleiros de farois iluminan hoxe a popular procesión nocturna
02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Ramallosa, que se celebra esta noite en Celanova, é unha procesión popular chea de cores e música que se converteu nunha grande manifestación festiva na que cada ano participan milleiros de persoas. Cada vez son máis os grupos que se apuntan a concursar no animado desfile, tanto elaborando farois modernos e figurativos, coma os tradicionais, con árbores ou pólas cargados de lumieiras de papel. Estes grupos, tanto de mozos como de xente de todas as idades, van uniformados nos últimos anos con camisetas que os identifican. Anotáronse para concursar 41 grupos de farois artísticos e sete de tradicionais, ademais de catorce fachadas, se ben son moitas máis as que están engaladas. Un xurado de seis persoas elixirá os mellores, que recibirán premios. Para participar na Ramallosa, porén, non fai falta moito: un simple faroliño de papel —que se leva na man ou pendurado dunha coella ou dun paraugas (o Concello repartiu máis de doce mil unidades)— e o pano representativo da festa, que este ano é de cor rosa coral. Hoxe a mañá aínda se poden adquirir no baixo do Concello. A procesión sae da praza Maior ás once da noite e diríxese cara as rúas Botica e Manuel Lezón (rúa Abaixo), onde se empezan a vivir os primeiros momentos de ledicia, cos grupos facendo bailar os farois nunha zona histórica da vila que permanece a escuras, sen iluminación pública, durante a marcha. O percorrido continúa pola Ermida, dando a volta á capela da Encarnación, e regresa pola avenida San Rosendo cara o centro. O remate é na Alameda. Desde as tres da tarde de hoxe non se poderá circular nin aparcar nas rúas Encarnación, Cesáreo Fernández Losada e praza de Rubí. A Ramallosa estará animada por tres charangas e a verbena posterior por un trío e un disc-jóckey. Durante esta fin de semana, os locais de hostalería e restauración teñen permiso municipal para prolongar dúas horas o seu horario nocturno de apertura.
A Ramallosa é parte das Festas da Encarnación, unha virxe cuxa imaxe se garda na capela do mesmo nome do barrio celanovés da Ermida. É un edificio reconstruído en 1918 despois de que un furacán destruíra a anterior. Fixérase para elo unha subscrición popular de fondos. Puido ser unha obra do afamado arquitecto Antonio Palacios, que debuxou os planos dun proxecto que non se chegou a levar a cabo. A capela e o seu campo ben merecen unha visita. Pode facerse o domingo de mañá, seguindo a procesión relixiosa coa imaxe da virxe, para a cal os veciños da Ermida preparan unha alfombra floral.