Baltar e as rodas de muíño

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

CHANDREXA DE QUEIXA

22 sep 2018 . Actualizado a las 19:40 h.

Dicía miña avoa que falar non ten cancelas. Ti botas a lingua a pacer e dáslle ata onde queiras. Hai a quen o rebaten. Amigos, veciños, incluso quen non lle quere tanto. Pero hai outros aos que lles dá igual, e seguen co seu discurso para que se comulgue con pedras de muíño. Baltar é un exemplo. Créndose un gran xestor, pareceulle axeitado ir a Tarragona para falar de despoboamento. Home, dirá vostede, bastante sabe o presidente da Deputación, que a provincia sofre unha sangría demográfica máis que destacable. Certo, Baltar podería ir a Cataluña dicir o que non se debe facer (porque nisto igual que herdou o posto, tamén herdou a sangría) porque despois de décadas no poder por parte da súa familia, a provincia non fai máis que perder poboación. Pero non, tivo que marchar á outra punta do Estado a dar consellos de como frear a perda de poboación no rural. Dixo, literalmente (segundo unha nota difundida polo seu gabinete de prensa) que a solución pasa «por la gestión inteligente, el trabajo coordinado, las medidas efectivas y menos burocracia». Que igual ten razón e pasa por iso todo... mágoa que non aplique todas esas receitas en Ourense. Porque o mesmo día en el que se gababa do ben que vai Ourense, en Chandrexa estreaban velorio na antiga escola. Porque como ben dicía Ubaldino Martínez, veciño da aldea de Rabal: «Facía falta o velorio, porque os vellos temos que morrer, e novos non hai». Esa, lamentablemente, é a situación (de Chandrexa e de boa parte da provincia) por moito que haxa quen intente que comulguemos con rodas de muíño.