Un roteiro literario lembrará a relación de Graham Greene con Oseira e as terras do Ribeiro
CORTEGADA
Máis de 120 profesores solicitaron participar na experiencia que se desenvolverá o vindeiro 7 de abril
07 feb 2018 . Actualizado a las 13:42 h.Os Centros de Formación e Recursos da Consellería de Educación organizan propostas para os docentes galegos. Entre elas figuran as dos roteiros literarios por Galicia e por outras partes do Estado. Iniciativas vencelladas a Castelao, aos persoeiros da lírica medieval, a Eduardo Pondal ou a Novoneyra son propostas que se desenvolven en Galicia e tamén hai actividades vencelladas a Miguel Hernández por Orihuela, á Vetusta de Clarín -o Oviedo de La Regenta- ou o roteiro de Valle-Inclán centrado en Luces de bohemia.
Entre as propostas promovidas polo CAFI, o centro de recursos para o profesorado de Conpostela, figura o Roteiro literario Graham Greene. Entre O Ribeiro e Oseira. A actividade está programada para o 7 de abril e contempla entre as súas paradas visitas ao mosteiro de Oseira, ao pobo de As Regadas, ao paraxe de Souto e ao bosque de Ridimoas, entre outros espazos. O fío argumental da experiencia será a relación do escritor inglés con Oseira e as terras do Ribeiro -espazos que percorreu xunto ao crego Leopoldo Durán- e a presenza de todos os lugares que se visitarán na obra Monseñor Quixote, de Graham Greene.
De Oseira ás Regadas
O cartel elaborado para espallar a convocatoria inclúe, xunto unha imaxe de Greene e Durán, unha cita da novela: «Outra media hora despois entraran na zona vinícola. Á súa dereita, as viñas tinguían de verde as abas meridionais, e á esquerda, ao longo dun acantilado estendíase unha aldea decrépita, coma un cadáver abandonado, unha casa en ruínas acá e acolá, unha boca de dentes rotos. As Regadas».
Dende o Cafi de Compostela coordina o roteiro do vindeiro 7 de abril Carlos Rodríguez Pérez. Sinala que a idea inicial era seguir as pegadas da novela e rematar a visita cos profesores no mosteiro de Oseira, aínda que os horarios da comunidade cisterciense convertéronse na peza que facía difícil encaixar as previsións iniciais. «Daquela o que fixemos foi darlle a volta á experiencia para comezar a visita coñecendo Oseira e lembrando as visitas que Graham Greene e o Padre Durán fixeron ao mosteiro cisterciense», sinala Rodríguez Pérez. O roteiro pasará logo por Mouriscados, penúltima parada da novela, e seguirá por As Regadas -a onde ían o escritor e o sacerdote para conversar e catar o viño de Antonio Nogueiras-, á carballeira do Souto -o lugar ao que ían xantar- e rematará a experiencia cunha visita ao bosque de Ridimoas. Esta última parada ten como obxectivo «engadir un atractivo máis ao roteiro literario, xa que será de gran utilidade para o profesorado do alumnado de ciencias», sinala o organizador da actividade.
Grazas á Uned e colapso
Carlos Rodríguez pon diante dos datos, contidos e demais un recoñecemento e unha gratitude. «O roteiro foi unha idea da Uned e un proxecto creado polos profesores Luis Gulín, Elena de Prada e Rosa María Estévez. Non se conseguiu levar a cabo no seu momento e nós pedímoslle permiso, creo que foi no 2016, para adaptalo aos nosos roteiros e aos contidos para o profesorado. Daquela é preciso que quede constancia de que a idea foi da Uned de Ourense e destes profesores», sinala o coordinador da experiencia.
O único atranco da iniciativa semella a demanda. Segundo o coordinador do roteiro as prazas son 50 e onte estaban inscritos un total de 127 profesores. «Se todo o mundo confirma a súa participación imos ter un problema. Ou facémolo dous días ou quedará
xente fóra».