Antonio Rodríguez Colmenero, exprofesor e promotor da escavación en Bande: «Queda moito por descubrir en Aquis Querquennis e iso potenciará o lugar»

CUALEDRO

Santi M. Amil

Os achádegos dan conta dun asentamento xunto ao campamento romano

09 nov 2022 . Actualizado a las 20:32 h.

No camiño de ida e volta ás orixes Antonio Rodríguez Colmenero (Lucenza, Cualedro, 1936) desenvolveu un proxecto vital cheo de iniciativas e inquedanzas que o levou por varias universidades, unha manchea de espazos patrimoniais, varios países onde coñecer e ampliar experiencias e unha grande teima á que leva vencellado dende hai case medio século: o campamento romano de Aquis Querquennis. Rodríguez Colmenero non para, e ás súas inquedanzas históricas sumou hai uns meses unha encarga relacionada co espazo eremítico de San Pedro de Rocas. E non se esquece doutro dos seus centros de interese, como é a Vía Nova. Da importancia da mesma, do seu poder vertebrador, da riqueza patrimonial que a fai única e do seu potencial como recurso turístico —entre outras cousas— falou na xuntanza do Eixo Atlántico que se celebrou esta semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Do encontro sae ás presas e xa se organiza para volver ao seu territorio; Lucenza como meta.

—En setembro de 1975 La Voz de Galicia titulaba «Una ciudad romana, descubierta en las proximidades de Bande». Foi nese ano cando comezou todo?

—Había referencias a que alí podía haber algo. Fixérase unha pequena escavación de varios días nos anos 20 e Cuevillas tiña algunha anotación. Descubriron pero non progresaron. Empezamos o proxecto cun grupo de alumnos que viñeron alí a traballar.

—Cando tiveron a seguridade do que podía estar agochado en Porto Quintela?

—As referencias iniciais falaban dunha cidade, cos seus edificios e as súas torres. Nós comezamos a ter conciencia do que existía aos tres anos de traballo. En 1979 déronme unha beca do Goberno alemán para ir alí. Estiven na zona do Rhin e do Danubio, o coñecido como o límite cos pobos bárbaros, e foi daquela cando tiven claro que non era unha cidade sobre o que estabamos a traballar senón un campamento como os que estaba vendo alí.

—Pasaron máis de 45 anos dende que encetaron o proxecto. Que destacaría do que se leva feito?

—É certo que conseguimos moitas cousas, pero o obxectivo é que se consolide por moito tempo e sexa un referente pola riqueza patrimonial e a importancia que ten. Temos tres das portas, coas súas torres, reconstruídas e queremos rematar a cuarta. Como están ata media altura iso permite coñecer mellor o que hai e darse unha idea da importancia do campamento nos meses en que está anegado polo encoro. Creouse o museo de Aquis Querquennis, que cada vez ten máis visitantes. As anotacións que deixan no libro do centro son o verdadeiro recoñecemento ao que levamos traballado.

—Queda moito por descubrir?

—Fóra do campamento hai unha auténtica cidade vencellada ao mesmo e ao trazado da vía romana ligada a el. Hai unha basílica consagrada a San Juan, o que lle dá á zona un carácter case de cidade. E logo temos o espazo das termas, onde tivo que haber un balneario, aínda que cada vez que tentamos escavar aí foi imposible porque empezan a saír mananciais e non hai maneira de progresar. Queda moito por descubrir en Aquis Querquennis e iso potenciará o lugar. Xa ten unha importancia moi grande e aínda terá máis no futuro.

—Que horizonte se marca para ter ultimado o proxecto?

—Xa son maior para iso. Fago o que podo pero teño unha idade e encantado que outro tome o relevo para deixar consolidada a iniciativa. Tempo? Creo que con 24 meses de traballo poderíamos deixar preparado o proxecto para esa consolidación desexada. O problema que nos atopamos é sempre o mesmo, que aí só podes traballar unha parte do ano porque durante varios meses iso está cuberto polas augas do encoro de Salas.

«A Vía Nova é un trazado fantástico que pode atraer a moitos visitantes á nosa provincia»

Outra das paixóns do exprofesor é a vía romana que unía Braga e Astorga, percorrendo a provincia de Ourense dende Lobios ás terras de Trives e Larouco, para entrar en León polo Bierzo. A ela dedicou moitos anos de traballo, investigación e publicacións e sobre a mesma baseou a súa participación no encontro da xuntanza do Eixo Atlántico desta semana.

—Canto tempo botou promovendo iniciativas sobre o trazado?

—Comecei a estudar a Vía Nova cando estaba de profesor en Santiago de Compostela. Cheguei a mover ata sete proxectos europeos para traballar sobre a mesma e temos un estudo moi amplo de todo o noroeste. Hai case vinte anos editamos varios volumes sobre ela e agora vai saír outra publicación de case mil páxinas.

—Cal foi a súa proposta ao Eixo Atlántico?

—Que fai falta poñer en valor a Vía Nova no seu conxunto. É un patrimonio formidable que podemos aproveitar os ourensáns e os portugueses. Estamos falando da única vía romana no Estado na que se conservan 311 miliarios, completos ou parciais, ao longo do seu percorrido. A Vía Nova é un trazado fantástico que pode atraer a moitos visitantes á nosa provincia. Hai que organizarse ben e creo que imos polo bo camiño. É a miña obsesión dende hai 30 anos.

—En agosto anunciouse a encarga que lle fixo a Deputación sobre San Pedro de Rocas. Como se vai materializar?

—En principio o que se vai facer é unha publicación que servirá de base para celebrar o centenario da declaración como monumento nacional. Hai erros que corrixir con respecto ao que se ten publicado historicamente e tamén é necesario recoller as novas referencias. O obxectivo é destacar ese conxunto único, quizás a basílica máis antiga de Galicia.

Do sacerdocio á docencia en varias universidades e ao grupo Larouco

A docencia e a paixón polo patrimonio e a investigación marcaron a vida de Antonio Rodríguez Colmenero. Aínda que nos seus primeiros tempos non semellaba que ese fose o camiño a percorrer: estudou a carreira eclesiástica no Seminario de Ourense e canto gregoriano na Universidade Pontificia de Salamanca e na Sorbona de París. Exerceu de sacerdote dez anos, ata que en 1974 deixou o ministerio relixioso. Licenciado en Filosofía e Letras por Valladolid, universidade na que pasou a ser profesor de Historia Antiga, marcha a Deusto logo de ler a súa tese doutoral en 1975. Despois das súas etapas como docente en Valladolid e Deusto, pasou exerceu nas universidades de Alacante, Oviedo, Santiago e Lugo. Neste campus xubilouse e foi Profesor Emérito, primeiro, e logo Profesor ad Honorem —«sigo tendo alí un pequeno despacho, pero xa hai tempo que non vou»—. Proxectos de investigación, escavacións arqueolóxicas e publicacións foron unha constante ao longo da súa vida. No 2020 deuse a coñecer a súa obra El faro romano de Brigantium Flavium, Torre de Hércules de A Coruña, libro no que aporta novos datos sobre a icona da cidade e un dos faros máis singulares do mundo.

—Que lembra dos seus tempos de sacerdocio?

—Estou moi orgulloso de ter sido sacerdote e de vivir o ministerio durante dez anos. Teño tanta fe como daquela e gardo un cariño enorme ao Seminario de Ourense, lugar que lembro con moita morriña e do que fun director da Schola Cantorum.

—Percorreu unhas cantas universidades.

—Foron etapas ou oportunidades que se foron dando en función dos postos que había, as oposicións e demais. O que tiña claro cando andaba por fóra era que quería volver a Galicia.

—É autor de traballos vencellados con moitos lugares da península. En Ourense sobre espazos que van de Lucenza ou Ouvigo a Trives. Garda especial recordo dalgún?

—Sempre hai cousas que tes presente polo que se debería ter feito e non se fixo. Creo que o castro de A Saceda (Cualedro) non se deu a coñecer como debería e a un eremitorio, do cristianismo tardío, que se atopou cerca de Xinzo non se lle fixo o caso que se debería dada a súa importancia patrimonial.

—Haberá novas iniciativas do grupo Larouco?

—Facemos cousas, pero a falta de diñeiro e a pandemia impediunos desenvolver varios proxectos que tiñamos en carteira. Foi unha pena. En todo caso si que haberá iniciativas e traballamos nunha nova entrega da revista.

«A Vía Nova é un trazado fantástico que pode atraer a moitos visitantes á nosa provincia»

Outra das paixóns do exprofesor é a vía romana que unía Braga e Astorga, percorrendo a provincia de Ourense dende Lobios ás terras de Trives e Larouco, para entrar en León polo Bierzo. A ela dedicou moitos anos de traballo, investigación e publicacións e sobre a mesma baseou a súa participación no encontro da xuntanza do Eixo Atlántico desta semana.

—Canto tempo botou promovendo iniciativas sobre o trazado?

—Comecei a estudar a Vía Nova cando estaba de profesor en Santiago de Compostela. Cheguei a mover ata sete proxectos europeos para traballar sobre a mesma e temos un estudo moi amplo de todo o noroeste. Hai case vinte anos editamos varios volumes sobre ela e agora vai saír outra publicación de case mil páxinas.

—Cal foi a súa proposta ao Eixo Atlántico?

—Que fai falta poñer en valor a Vía Nova no seu conxunto. É un patrimonio formidable que podemos aproveitar os ourensáns e os portugueses. Estamos falando da única vía romana no Estado na que se conservan 311 miliarios, completos ou parciais, ao longo do seu percorrido. A Vía Nova é un trazado fantástico que pode atraer a moitos visitantes á nosa provincia. Hai que organizarse ben e creo que imos polo bo camiño. É a miña obsesión dende hai 30 anos.

—En agosto anunciouse a encarga que lle fixo a Deputación sobre San Pedro de Rocas. Como se vai materializar?

—En principio o que se vai facer é unha publicación que servirá de base para celebrar o centenario da declaración como monumento nacional. Hai erros que corrixir con respecto ao que se ten publicado historicamente e tamén é necesario recoller as novas referencias. O obxectivo é destacar ese conxunto único, quizás a basílica máis antiga de Galicia.

Quen son

«Un curioso adepto a saber un pouco de todo. Pero, sobre todo, de como foron os que nos trouxeron acá, ao mundo, e o que fixeron para que nós, mirando cara atrás, lle podamos agradecer e podamos ver como foi andando a Humanidade. No bo e no non tan bo».