Os felos de Maceda enchen de cor e son a Serra de San Mamede

Preto de douscentos veciños participan no percorrido do entroido polos pobos do municipio ourensán


Ourense

Ourense é entroido. A festa reventou os marcos de todas as delimitacións xeográficas posibles e o triángulo máxico —Xinzo, Verín e Laza— xa só é unha referencia, a máis multitudinaria e mediática, para unha celebración que avanta por riba de canto se lle poña por riba: con costumes e personaxes recuperados e mesmo con espazos que se reivindican creando novas propostas —entre outras os anxeos, creados a base de sacos de tea, que onte percorreron a Ribeira Sacra por Parada de Sil—.

Da outra banda de Laza, serra por medio, os felos reivindican a súa singularidade visitando os pobos de Maceda. As chocas inundan o centro da vila a primeira hora da mañá, cando unha lexión de felos se dan cita para coller os autobuses que os levarán a facer o seu roteiro.

Castro de Escuadro, o Turmalet

Campa o sol na mañá de inverno cando son quen de botarse á súa proba de lume. A subida de Castro de Escuadro é o Turmalet dos felos; se xa costa facer o camiño a pé de baleiro, non resulta difícil imaxinar o que supón chegar á cima con varios quilos de peso —algúns cifran en preto de 20 o que suma o traxe completo dun adulto—. Dende Castro, onde o esquecemento revira as casas de laxas, a vista paga a pena e fai reflexionar. «Cando non poda subir déixoo», sinala un dos participantes de máis idade. O maior, 69 anos de retranca enxebre —«a mellor idade, polo que din»—, albisca o futuro: «En catro ou cinco anos dos maiores non quedamos ningún, aínda que hai moita cativada e iso é bo para manter viva a festa».

Logo de repoñer forzas, os veciños dos pobos sacan mesas con doces e bebidas, os máis arroutados lembran os vellos tempos e bótanse ladeira abaixo, polo medio dos lameiros, para chegar a Pías, a próxima parada. Durante os días que dura o entroido preto de douscentos felos, moitos deles rapaces novos que están a afortalar a tradición, percorreran os pobos da Serra de San Mamede para reivindicar un entroido histórico que cada ano atrae a ivestigadores e antropólogos de diferentes países.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Os felos de Maceda enchen de cor e son a Serra de San Mamede