Maceda acolleu a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

La Voz

MACEDA

Xornada da Restauración da Memoria Lingüística en Maceda
Xornada da Restauración da Memoria Lingüística en Maceda Cedida

Descuberta unha placa no cemiterio en lembranza das persoas que xacen no mesmo 

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O cemiterio de Maceda acolleu este domingo a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, unha actividade organizada polo departamento de Cultura do Concello de Maceda no marco da campaña «En Galego, agora e sempre». O acto estivo presidido pola alcaldesa, Uxía Oviedo; o titular de Cultura e tenente de alcalde, Celso Sánchez; Xosé Carballido, en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, e Manuel Pérez, cura párroco de Maceda.

Celso Sánchez lembrou que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia convoca todos os anos por estas datas -nos meses de outubro e novembro- a campaña de dinamización lingüística «En galego, agora e sempre» en colaboración cos concellos. O obxectivo da mesma é xerar un movemento cultural de restauración da memoria lingüística que recupere espazos para o galego. Lembrou que a práctica de escribir as lápidas en castelán «non ten máis sentido que agochar a nosa lingua neses espazos de memoria colectiva que son os cemiterios, moitas veces sen sequera telo interiorizado por ser algo que ofrecen as empresas mortuorias sen que a familia se percate da situación que iso provoca». Tamén sinalou que a campaña a prol do galego «é unha proposta pedagóxica que tenta facer unha chamada á reflexión das comunidades parroquiais para poñer fin a inercias que distorsionan a nosa realidade cultural caracterizada pola utilización maioritaria da lingua galega nos usos sociais».

O crego de Maceda leu un poema e fixo referencia á necesidade de defender o noso idioma en todos os ámbitos e Uxía Oviedo, a alcaldesa, fixo un chamamento a que as persoas presentes asinaran individualmente as «actas de vontade» para deixar constancia escrita dos seus desexos de galeguidade «post mortem». 

Ao rematar o acto fíxose a descuberta dunha lápida na porta do cemiterio cun texto axeitado á convocatoria. «Na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter lingua e cultura de seu», pódese ler na mesma.