
Do 7 ao 13 de agosto, as rúas de Maceda encheranse de cultura, concertos e espírito veciñal
12 ago 2025 . Actualizado a las 00:09 h.Maceda prepárase un ano máis para vivir con intensidade as súas Festas Patronais, que se celebrarán do 7 ao 13 de agosto en honra á Virxe das Neves. O municipio ofrecerá sete días de plans variados onde a música, a tradición e a convivencia serán as grandes protagonistas.
A programación arrincará hoxe co concerto de Coanhadeira, o grupo ourensán de música folk que estivo nominado aos Premios Martín Códax. Entre outros, tocarán o seu recente disco titulado 7273, unha cifra que é moito máis ca un número, xa que, precisamente, 7.273 son os quilómetros cadrados que ten a provincia de Ourense.
O venres chegará cargado de actividades para todos os públicos: desde a Festa Infantil nas piscinas municipais ás 17.00 horas, ata a lectura do pregón e a XVII Cea Popular na Praza das Toldas, seguida dunha verbena amenizada por Mekanika Rolling Band e Verbena Disco.
A xornada do sábado estará marcada por unha potente oferta musical, coa Banda de Música Santiágueda ao mediodía, Os do Fuelle e a orquestra La Ocaband pola tarde, e unha viaxe nostálxica aos anos 80 con Peter Prol pola noite.
O domingo será o día grande no ámbito relixioso, coa procesión e a misa cantada pola Coral Albricias de Maceda ás 12.00 horas. A música continuará ao longo do día coa Banda de Música e Cultura de Galicia, a Banda de Gaitas de Maceda e, como gran reclamo nocturno, o grupo internacional Ráfaga.
Durante a semana, o luns e martes estarán marcados por espectáculos familiares, actuacións de gaitas, concertos como o de Antonio Barros e Ialma, e o agardado Macedance, que converterá a Praza das Toldas nunha gran pista de baile con DJs e grupos de música electrónica.
As festas pecharanse o mércores coas tradicionais xornadas de folclore no Parque do Toural, poñendo o broche final a unha edición que promete ser das máis completas dos últimos anos.
A programación reforza a aposta do Concello por unhas festas interxeracionais, diversas e cunha forte implicación veciñal, mantendo viva a esencia de Maceda. Trátase dun calendario de actividades pensado para todas as idades no que tradición e innovación conviven en harmonía. A colaboración activa das asociacións locais e veciñanza en xeral é fundamental para consolidar unhas celebracións que medran cada ano.