«Eu sempre me sentín libre», di o exrexedor de Melón
17 abr 2021 . Actualizado a las 17:41 h.
O exrexedor de Melón acaba de cumprir a súa condena despois de 3.100 días de inhabilitación por permitir a construción dun pavillón no entorno do mosteiro da localidade. Por estar a 97 metros, en lugar de a cen, remarca Alberto Pardellas Álvarez (Lisboa, 1965), «cando a catedral de Ourense está rodeada de edificios máis altos que o campanario», engade. El afirma que nunca se sentiu culpable, que o PP non o expulsou pese a que así o ordenan os seus estatutos e culpa da súa condena ao arquitecto que o denunciou «porque quería cobrar 90.000 euros», ao secretario municipal que traballaba alí nese momento, aos medios de comunicación e ao entón fiscal-xefe, Florentino Delgado, «que mira onde foi parar». En resumen: «Era un momento no que a política estaba todos os días nos xulgados e leváronme por diante. Xuntáronse moitas cartas para que me pasara o que me pasou».
-Como se sinte agora que xa cumpriu a súa condena?
-A ver. Eu sempre me sentín libre, incluso o día que recibín o fallo. Porque tiña a conciencia de que eu non fixera nada de mala fe. Cabe recordar que isto foi aprobado en Xunta de Goberno no día 18 de decembro do 2003 por unanimidade e, como sabemos, nas comisións de goberno non está só unha persoa. E, polo tanto, sei que viñan a por min. Pero se xa era unha inxustiza comigo, maior inxustiza sería se tiveran denunciado aos catro que aprobamos a construción do polideportivo.
-Pero o caso pasou por múltiples recursos e acabou condenado, ¿non si?
-Ás veces a Xustiza tamén ten erros, ¿non? A min comentáronme algunhas cousas que me fixeron crer que máis que xustiza o que estaban facendo comigo era unha inxustiza. Este tema era do 2003 e o alcalde de Punxín tivo un problema no 2007, pero o xuízo e a sentenza definitiva del foi antes ca miña. Inxustiza xa hai cando tes o expediente cinco anos na mesa. Entón a min xa me dixo alguén relacionado coa Xustiza en Ourense que, se caía o alcalde de Punxín: «A ti vante condenar. Condenaron a un do PSOE e agora vante condenar a ti, que es do PP».
-Cre que o Tribunal Supremo confirmou a súa condena por ese motivo?
-A min tivéronme sete anos antes da sentenza e eu, cando fun ao xuízo, xa tiña unha condena social por todo o que saíra nos medios de comunicación. Se estás saíndo todos os días nos periódicos, os xuíces tamén son persoas e len... Eu o único que digo é que, se na Xunta de Goberno había máis persoas, por que soamente me sentaron a min no banquiño?
-Sentiuse apoiado polo seu partido nestes anos?
-Si, eu teño que dicir que o PP tratoume ben. Eu sigo sendo o secretario xeral do partido en Melón. Nese momento falábase de que se se apartaba da militancia a uns alcaldes ou concelleiros, pero a min non se me apartou nunca da militancia. Sigo sendo o secretario xeral do PP en Melón e, a parte diso, teño unha amizade xa persoal tanto con José Manuel como con José Luis [Baltar] e con toda a cúpula do PP en Ourense. E tamén me sentín apoiado polo PP de Galicia encabezado por Alberto Núñez Feijoo. Non tiven problema ningún.
-Pero, en caso de condena os estatutos do partido ordenan a expulsión e, no seu momento, díxose que o apartaron a vostede da militancia, non?
-Ti sabes que ás veces os partidos, cando vós intentades sacar cousas... Eu sei que nunca recibín ningunha carta para apartarme da militancia e nos congresos provinciais e autonómicos sempre fun votar.
-Que lle parece a situación política de Melón, coa crise do goberno socialista?
-A lea que teñen no PSOE xa a sabían incluso eles antes. A ver, o alcalde non é do PSOE e xa tivo problemas en varios partidos políticos e estivo facendo unha procesión de un a outro ata que foi parar ao PSOE. Outra xente si eran militantes que pagan a corresponden cota e o que ía pasar xa o sabían. Pero os veciños de Melón non se equivocan e terían as súas razóns para darlle a maioría. Iso si, a algúns os enganaron e algúns chámanme por teléfono. Hai seis ou sete meses varios veciños pedíronme que creara unha páxina de Facebook para desenmascarar a esta xente. Chámase «Paixón Por Melón», que se te das conta é «PP Melón».
-Significa iso o arranque da súa campaña electoral para volver a alcaldía no ano 2023?
-Non, non, non, non, para nada. Non, eu non teño ningunha intención de ser alcalde de Melón outra vez. Teño que agradecer a confianza que depositou a xente en min e despois en Cristina [Francisco Vílchez, a súa muller e sucesora na alcaldía ata o ano 2019], pero para traballar polo meu pobo non fai falta ser alcalde. Xa tiven a miña etapa e non é a miña intención. Non vou mentir, hai moita xente que me está todos os días que teño que, que teño que... Pero non é a miña intención presentarme.