O verso limpo de Fernández Ferreiro

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

NOGUEIRA DE RAMUÍN

O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, retratado na Coruña en marzo do 2013
O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, retratado na Coruña en marzo do 2013 PACO RODRÍGUEZ

Reeditan en versión facsimilar os dous primeiros poemarios do escritor

11 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vede, escoitade como na terra de Ramuín nace un poeta. Nace agora cos seus primeiros versos, limpo do fume dos cafés, ceibe das xentes das tertulias literarias, sin filiación a ningunha escola, sin achegamento a ningún grupo, mais cos ollos fitando pro paisaxe nadal e co paisaxe nadal a rebulir e a traballar no fondo dos seus ollos». Deste xeito saudaba a estrea poética de Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931-A Coruña, 2015) o académico Florentino Cuevillas no mesmo prólogo do volume. Ribeirana do Sil, publicado en Ourense en 1952.

Sete anos despois, o escritor recuncaría na poesía con A Noite, desta vez ao abeiro da colección Brais Pinto, o grupo do que facía parte e ao que puxo nome: un afiador ourensán que, logo de percorrer o mundo, morreu nun accidente en Madrid. «Moito se pode agardar do poeta da terra de Ramuín», pechaba Cuevillas a súa presentación. Porén, Fernández Ferreiro xa non volvería ao verso, senón que, case un par de décadas máis tarde, iniciaría unha traxectoria como novelista que incluiría títulos tan celebrados como Agosto do 36 e A saga dun afiador.

Eses dous primeiros libros de poesía vén agora de novo a luz nunha edición facsimilar a cargo da Deputación de Ourense, depositaria do legado intelectual e a biblioteca de Fernández Ferreiro. Ambos volumes comparten un estoxo e unha presentación a cargo do escritor Francisco X. Fernández Naval, que sitúa os poemarios na biografía e carreira de Fernández Ferreiro e achega claves para coñecer a súa importancia na traxectoria de quen «sempre quixo ser poeta».

Vicente Risco foi a primeira porta na que Fernández Ferreiro petou para o prólogo, mais o intelectual declinou o convite xa que cría que Ribeirana do Sil se atopaba aínda moi verde. Entón recorre a Cuevillas, con quen o escritor falaba en barallete, a lingua dos afiadores, e quen lle fixo ver que o nome da súa aldea natal, Espartedo, nada tiña que ver con Esparta, como cría el, senón coa gramínea que medra na contorna. Cuevillas relacionaba os versos con esa querenza pola terra —«a terra de Ramuín é merecente de ter quen a cante»— e mais cunhas arelas que os proxectaban ao mundo, ben a través de lecturas, ben polos vieiros da emigración. «Dicíame un profesor que era mellor o prólogo que o libro e eu sempre estiven de acordo con iso», lembraba o propio Fernández Ferreiro entre risos nunha entrevista con La Voz no 2011.

Co gallo da súa aparición, en outubro de 1952, unha recensión neste xornal tamén daba conta da súa «rima mesurada, sustanciosa, clara» e, na liña do anticipado polo prologuista, concluía que fora obra «de un buen poeta futuro». Fernández Naval tamén achega estes versos ao coñecemento dos Seis poemas galegos de Lorca, relacionados pola vocación de musicalidade das rimas, «o pouso de amor e morte que subxace en ambos» e o uso da palabra soma, que, segundo cre Fernández Naval, os dous poetas empregan como «sinónimo de sombra».

A edición facsimilar inclúe tamén a reprodución de A Noite, o terceiro volume da colección Brais Pinto despois de Bocarribeira, de Otero Pedrayo, e Poema do home que quixo vivir, de Bernardino Graña. Deste poemario di Fernández Naval que «cobra corpo o personaxe de Ulcis, protagonista duns textos surrealistas que nacen do universo inconsciente e telúrico da comunidade rural galega, poemas e diálogos, en prosa e verso, que anticipan o mundo escuro e onírico que definirá unha das liñas da obra de Ferreiro e que podemos seguir nos libros Minotauro, Co medo nas mans e Ulcis». Como o anterior, tamén está vinculado ao seu universo emocional, tal e como di o propio autor: «Escribino en Espartedo. Espartedo é un lugar pequeno. Pequeno como o libro. Grande como a Noite».