


























A chuvia respectou e a xente botouse á rúa para desfrutar da festa
01 may 2025 . Actualizado a las 18:18 h.É a festa de despedida do inverno e de benvida da primavera. Unha celebración na que as plantas e as flores son protagonistas, xa que son os ingredientes fundamentais para dar forma aos maios, as creacións con elementos naturais que locen nas prazas estes días. É unha festa cunha longa tradición, pero que non se conserva en moitos sitios. No Barco de Valdeorras si. E segue tendo pulo. Cada 1 de maio a praza do Príncipe loce verde, co verde dos maios. Este ano foron oito as creacións presentadas a concurso. Xestas, buxos, carrabouxos, toxos e flores foron algunhas das especies utilizadas para dar forma a creacións que nalgún caso superaban os tres metros de altura. Hai quen opta por formas enxebres, e entón a cruz aparece moitas veces no alto a modo de cruceiro; mentres que outros prefiren deixar saír a súa vea máis artística e reproducen personaxes ou edificios. Este ano había un home xigante, unha igrexa e incluso a desaparecida ponte de San Fernando, a que levou por diante unha grande riada que fixo imparable o caudal do Sil o 27 de decembro de 1959.
A tradición di que os maios veñen acompañados de coplas. Son versos cantados nos que se vai facendo un repaso pola actualidade. Este ano foron catro os grupos participantes, entre eles os alumnos do CEIP Condesa de Fenosa. Acompañados ao acordeón por un mestre, aproveitaron para pedir máis colesterol no menú escolar e para reclamar máis tempo para xogar en vez de tanto estudar. E non faltaron recados ao alcalde, pedindo iluminación nos pasos de peóns para evitar atropelos.
Desde fai moito tempo, os maios compleméntanse cunha feira de artesanía que reúne este ano a case trinta postos. Xabóns naturais, queixos feitos en Trevinca, licores de Valdeorras ou traballos en madeira, coiro e resina comparten espazo con diferentes asociacións que aproveitan para mostrar o seu traballo e recadar fondos, como Asfaval ou Palisil. Estarán abertos ata as oito da tarde.
Como en toda boa festa, non faltou a música. Abertal encheu de son e baile tradicionais a praza.