O Barco edita unha guía divulgativa sobre as árbores e os arbustos do núcleo urbano

O BARCO DE VALDEORRAS

O domingo repartiranse 500 exemplares, acompañados dun acrivro, durante a Feira do Libro que se celebra no Malecón
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de 4.000 exemplares de 90 especies diferentes. Ese é o balance das árbores e arbustos que hai no núcleo urbano do O Barco de Valdeorras que recolle a guía que acaba de publicar o Concello. É o resultado dun traballo de varios anos que naceu co obxectivo de divulgar a riqueza natural do municipio e que ten un espírito didáctico, segundo destacou o alcalde, Alfredo García, na presentación da edición. Desde o goberno local queren que sirva para traballar nos colexios cos rapaces e tamén para que calquera veciño poida consultar con facilidade as árbores que vai atopando mentres camiña ou buscar onde hai unha determinada especie e onde se atopa para despois ir vela. Precisamente por esa idea de facilitar o seu manexo optouse por unha edición en formato caderno, segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray. No volume aparecen fotografías de cada especie así como o seu nome en galego, en castelán e científico, ademáis dunha explicación sobre cada especie. Ao final do libro hai un mapa para consultar as zonas onde poder atopala. Tamén hai un apartado especial para os lugares máis significativos en canto a flora no Barco: o parque da Cruz, os xardíns do Malecón, a ribeira do río Sil, O Salgueiral e o xardín da Casa Grande de Viloira.
A portada está ilustrada cunha fotografía dunha folla que Juan José Albares recortou para debuxar nela unha nena e un xabaril, entre outras figuras.
A Guía das árbores e arbustos do Barco de Valdeorras é tamén unha homenaxe ao falecido Luis Ramos, que foi o concelleiro que impulsou a creación do departamento de Medio Ambiente.
De regalo na Feira do Libro da fin de semana
O domingo repartiranse de balde 500 copias, que irán acompañadas dun acivro. Será no recinto da Feira do Libro no Malecón, que se celebrará durante toda a fin de semana. O mercado tivo que cancelarse o pasado mes de abril pola previsión de chuvia e recupérase agora co gallo do Día das Letras aproveitando que se espera bo tempo. «Será unha fin de semana intensa», recoñeceu a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, recordando que o sábado tamén se celebra a Florenciada en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e a mascarada ibérica ViboMask en Viana do Bolo. En todo caso, mostrouse convencida de que hai tempo para desfrutar de todas as iniciativas. Oito librarías e asociacións participan na Feira do Libro, organizada polo Concello en colaboración con Vagalume. Inaugurarase o sábado ás once da mañá. As casetas estarán abertas ata as nove de noite e de novo o domingo. Durante os dous días, unha ducia de autores presentarán os seus libros e tamén haberá un contacontos.