«Buscamos que a xente coñeza a quen dá nome ás rúas e prazas no Barco»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

O BARCO DE VALDEORRAS

Moral, á dereita da imaxe, guiando un roteiro por Córgomo na Florenciada.
Moral, á dereita da imaxe, guiando un roteiro por Córgomo na Florenciada. CEDIDA

Jorge Moral guía o sábado un roteiro pola capital de Valdeorras

20 jun 2025 . Actualizado a las 16:41 h.

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán organiza esta fin de semana as Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras, que comezan mañá (10.00 horas) cun roteiro guiado por Jorge Moral polas «Rúas da memoria no Barco». É de balde, pero hai que inscribirse na web da fundación.

—¿Sabía a historia de todos?

—Levo sendo toda a vida a persoa no meu grupo de amigos que se refire aos espazos polo nome das rúas, non polo do establecemento que está máis cerca. Hai persoeiros que é imposible non coñecer, desde Lauro Olmo a Abdón Blanco, pero este roteiro foi unha oportunidade para mergullarme un pouco máis nalgunhas persoas, sobre todo aquelas que non están nas rúas máis habituais do Barco, como Manuel Valcárcel, que non se coñece en Valdeorras. Ás veces é difícil acceder á información. Buscamos que a xente coñeza a quen dá nome ás rúas e prazas no Barco.

—¿Cal lle sorprendeu máis?

—Unha das cousas é a vinculación que teñen moitos protagonistas entre si. Pódense trazar árbores xenealóxicas entre diferentes persoeiros máis alá das relacións máis obvias da casa Quiroga ou do tecido empresarial. Pero se tivera que dicir unha sería a historia que ten Elena Quiroga nunha das súas novelas sobre un triángulo amoroso que se produce na casa de Rafael Dieste entre a súa irmá, Castelao e Virxinia, a súa moza. Foi como estar vendo un Tik Tok de salseo.

—¿É para todos?

—É un percorrido de dúas horas para facer uns 4,5 quilómetros e non menos de dez paradas. A xeografía xoga ao noso favor porque non hai ningunha costa que empeore o camiño.