Aurentino Alonso, alcalde: «Temos que humanizar O Barco, seguimos tendo moitísimo tráfico»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Quen son. «Un traballador».
Quen son. «Un traballador». Santi M. Amil

Di non estar preocupado pola obra da circunvalación porque colleu ritmo

21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o 1 de setembro, Aurentino Alonso (Cartelle, 1963) é o alcalde do Barco de Valdeorras. Pero quen vaia velo estes días ao Concello verá que sigue ocupando e atendendo na mesma mesa na que o facía ata ese día como tenente de alcalde. «Paréceme que os despachos impoñen moito á cidadanía», di en referencia a un cuarto que só pensa usar cando sexa imprescindible.

—No discurso falou do legado de Alfredo García [que estivo 26 anos no cargo] e avanzou unha labor continuísta.

—Continuísta no sentido de que hai moitos proxectos empezados que hai que rematar. Non imos rachar con iso porque ademais eu participei no deseño do Barco que queremos a futuro. Hai dous proxectos fundamentais nos que nos temos que centrar agora mesmo: a travesía e o centro de interpretación da minaría.

—Difícil que sexan unha realidade para o 2027. Que quere que estea feito no que resta de mandato?

—Eu espero que a senda do Salgueiral ata Viloira estea resolta e tamén unha fase da mellora do saneamento de todo o núcleo, para modernizalo e evitar filtración, para resolver o tema de onde podemos separar as augas pluviais das fecais para non colapsar a depuradora. E tamén espero que estea rematada a permeabilidade do Barco por debaixo das vías do tren. [O paso inferior á altura da rúa Xirimil] xa está adxudicado e próximamente vai executarse.

—Chegou a O Barco fai 35 anos. Como cambiou neste tempo?

—Moitísimo. Cando cheguei era un Barco gris que estaba de costas ao río. Daquelas non chamaba tanto a atención porque había moitas cidades así, como Ourense. Conseguiuse abrir O Barco ao río e hoxe o Malecón é o centro neurálxico. Ademais, entón víalo como un pobo grande pero non coa vida dunha pequena cidade que ten agora.

—Onde cre que hai marxe de mellora?

—Temos que humanizalo máis. Seguimos tendo moitísimo tráfico, sigue estando moi colonizado polos vehículos. Somos un pobo pequeno no que para moitos desprazamentos interiores podémonos mover a pé ou en bicicleta, que ademais no val o terreo é bastante chan. Humanizar ten que ser o futuro. As cidades teñen que ter unha parte importante na que o peón sexa o dono do espazo.

—Para conseguilo será preciso antes ter a circunvalación. Esas obras non son competencia municipal, pero entendo que si preocupación do alcalde.

—Hai moito retraso acumulado de anos anteriores que hai que recuperar. Creo que non é tan preocupante xa porque agora está en marcha e vai a ritmo. Polo que lin, porque non falei con ninguén do ministerio, apunta a que no 2027 podería estar.

—Con que queda da etapa na Deputación?

—Coñecín a provincia con moita máis profundidade e creo que aportei algo sobre todo para Valdeorras e Trives: levei iniciativas sobre a estación de montaña, a estrada de San Vicente, a minaría, a silicose, a sanidade... E levo ter participado do cambio na forma de atender aos Concellos desde a Deputación axudando a que o plan CooperOu, no que se fai un reparto equitativo, fose unha realidade.

—Chegou para quedar ou se hai unha maioría vai desaparecer?

—Eu espero que chegara para quedar, porque os beneficios non só os estamos notando os concellos gobernados polo PSOE, o BNG ou os independentes, senón tamén moitos do PP.

—Unha etapa de La Vuelta saíu do Barco entre protestas pola situación en Gaza. Terían que ter botado a Israel?

—Con Ucraína tomáronse medidas a nivel internacional ao cuarto día, impedindo a participación aos deportistas rusos. Por que aquí non? Israel está cometendo un xenocidio. Están matando civís e nenos e estamos mirando para outro lado. Eu non sei se La Vuelta ten capacidade ou non para facelo, o que me explicaron é que ten que ser a UCI. Pero alguén tería que ter tomado a decisión igual que se fixo con Rusia.

«A idade dáche unha serenidade importante pero tamén é unha espada enriba»

—No 2025, Alfredo García avanzou que marcharía á metade do mandato para que os veciños tiveran tempo de coñecer ao novo alcalde antes de ser o próximo candidato. Será vostede entón?

—Os candidatos no PSOE decídenos os compañeiros. Sempre hai algunha directriz do partido, pero sempre ten que ser a agrupación local a que terá que refrendar.

—Non se descarta?

—Por suposto que non.

—Entendo que tampouco ten aspiracións de estar 26 anos...

—Non, non. Nin tolo. (Ri).

—Cal cre que é tempo razoable para facer o que quere?

—É moi difícil poñer unha marxe. Cando inicias proxectos que queres que se materialicen tes que ter tempo para conseguilo. Non o sei... Dous ou tres mandatos? Non quere dicir que eu pretenda estar iso. Tampouco é que empece de cero, xa participei nos proxectos en marcha. Eu paso de 60 anos e tamén ten o seu aquel. A idade dáche unha serenidade importante pero tamén é unha espada que tes aí enriba.

—O BNG non presentou candidato e votou en contra da súa elección. Doeulle?

—Non. Foron fieis a unha decisión que xa tomaron fai dous anos. Teríame gustado que se abstiveran, pero respecto a decisión que tomaron.

—Tamén é responsable comarcal do PSOE. Pensando xa nas eleccións do 2027?

—Si. Evidentemente hai sitios nos que temos que buscar candidatos. A idea é poñernos a traballar xa.

—Algún no que sexa máis urxente?

—En todos aqueles onde tivemos malos resultados ou presentamos unhas candidaturas de saír no paso naquel momento. Aí témonos que reforzar.

Fillo de emigrantes, puido compartir con eles a emoción da investidura

«Nacín no século XIX, vivín no XX e agora vivo no XXI». Alonso di moito esa frase para explicar como leva mudado a súa vida. Explica que di que naceu no XIX porque a única diferenza entre a casa na que se criou e unha dese século era «unha chaviña que había ao lado da porta que lle dabas para arriba e acendía unha luz». Os camiños da aldea —Bagullo, en Cartelle— estaban sen cimentar e non había alumeado pública. «No verán estaban secos e con pedras, pero no inverno estaban cheos de lama», di. Lembra que había que prender a lareira todos os días do ano porque era onde se cociñaba e que a neveira tardou un tempo en chegar. «E teño 62 anos», recorda, por se a alguén todo iso lle soa demasiado lonxe.

Alonso medrou correndo polos lameiros, criado primeiro por unha avoa e, cando esta morreu, por uns tíos. Os seus pais, como moitos naqueles tempos, emigraran a Suíza. Aló estiveron ata que Aurentino cumpriu dez anos. Entón el tamén se converteu en emigrante. Xunto aos seus pais e o seu irmán mudáronse ao País Vasco, onde estivo ata que rematou o Bacharelato. Con 18 anos trasladouse á Coruña estudar Aparelladores e xa non volveu marchar de Galicia salvo para facer o servizo militar en Valladolid. Na universidade coñeceu a Begoña, con que leva 35 anos casado.

Rematada a carreira, comezou a traballar nunha empresa construtora como aparellador facendo cuarteis da Garda Civil e tamén traballou na oficina técnica do Banco Pastor. «Cando desde a construtora me querían mandar ao Pirineo facer máis cuarteis, preparei as oposicións ao ensino secundario», relata. Aínda non cumprira os 24 anos cando conseguiu a praza como docente. Foi profesor durante 37 anos, traballo que durante algún tempo compatibilizou co de aparellador. Recoñece que non tiña vocación, pero que esta apareceu en canto comezou a dar clase. «Foi unha profesión moi bonita, porque ese contacto diario cos alumnos faiche vivir a vida laboral doutra maneira», argumenta.

Xubilado como docente desde o 2024, o que máis lle gusta é estar coa familia. Refírese á súa muller e á súa filla —da que confesa estar moi orgulloso—, pero tamén aos seus pais. Aurentino esboza un gran sorriso ao recordar que, xunto ao seu irmán, estiveron presentes na súa toma de posesión como alcalde. «Foi moi emocionante, para min e para eles», relata. Non faltaron as referencias aos pais no discurso de investidura. Quixo publicamente agradecerlles todo o que fixeron para que os seus fillos puideran prosperar. «Téñoo falado moito co meu irmán. Somos moi afortunados. É un privilexio telos aos dous, con case 89 e 90 anos», apunta.

Tamén saca tempo para facer algo de deporte. Saír coa bici e, sobre todo, facer sendeirismo —é socio do club Peña Trevinca— son as súas afeccións preferidas.