A Deputación reeditará a antoloxía da obra poética de Víctor Campio Pereira

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

O Concello do Carballiño incorporarase á Fundación Insua dos Poetas

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación reeditará a antoloxía poética de Víctor Campio que no seu día publicou o Pen Clube Galicia e o presidente do organismo provincial convidou a Xosé Luis Méndez Ferrín a incorporar á publicación o texto na memoria do poeta de Garabás que o escritor e expresidente da Real Academia Galega leu na Festa da Palabra celebrada o sábado na Insua dos Poetas. Na cita do Carballiño -que ía ser unha festa de celebración do 90 cumpreanos de Víctor Campio e que se converteu nunha homenaxe póstuma por mor do pasamento do mesmo uns días antes- Baltar comprometeuse a dar continuidade ao legado do poeta e para iso a Deputación reeditará a súa obra e contribuirá a espallar a mesma para que o traballo do escritor teña maior recoñecemento.

O Carballiño, na fundación

Xosé Luis Méndez Ferrín foi o encargado de facer a laudatio do homenaxeado. Ademais de lembrar as súas diferentes etapas vitais, e a influenza que tivo en poetas como Chus Pato ou Manuel Outeiriño nos seus anos de xuventude, Ferrín laiouse de que a Real Academia Galega non tivese para Víctor Campio o recoñecemento que o poeta merecía.

Na Festa da Palabra o alcalde do Carballiño anunciou a próximo incorporación deste Concello á Fundación Insua dos Poetas.