Xosé Luis Sobrado: «O Carballiño foi unha das principais comarcas papeleiras de Galicia»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Xosé Luis Sobrado será un dos ponentes da mesa redonda sobre Mosquera
Xosé Luis Sobrado será un dos ponentes da mesa redonda sobre Mosquera Santi M. Amil

O investigador está a coordinar a posta en marcha do futuro Museo do Papel

11 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun longo e complicado proceso, que ata levou consigo a recompra da propiedade para non perder o patrimonio, o futuro Museo do Papel de Galicia hai tempo que está tomando forma e será unha realidade a finais deste verán. O vello edificio ao pé do río Arenteiro foi rehabilitado cun proxecto do arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto e dende hai meses a empresa á que lle adxudicou a Consellería de Cultura o concurso para equipalo está a desenvolver a iniciativa. Xosé Luis Sobrado Pérez, historiador e ex presidente do Centro de Estudos Manuel Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño, coordina o proceso de creación do espazo expositivo e a incorporación das pezas ao mesmo. Sobrado e Francisco Fumega foron os autores dun traballo de investigación sobre o patrimonio vencellado a estas instalacións: As fábricas de papel na comarca do Carballiño (2010).

 «O Museo do Papel de Galicia será unha referencia para toda a comunidade. Só hai outro destas características en todo o Estado, o de Capellades (Barcelona), e vai resultar particularmente atractivo porque cando estea todo o proxecto rematado —coa reconstrución da parte exterior, a nora e a zona de recuperación do trapo— ofrecerá aos visitantes a posibilidade de participar en actividades complementarias, ver todo o proceso de elaboración e crear o seu propio papel», sinala. Sobrado Pérez escolle o edificio da vella fábrica da Lavandeira como o seu recanto porque recoñece un vencello especial e unha implicación sentimental co lugar. Será a derradeira peza dun amplo conxunto de instalacións vinculadas ao río Arenteiro recuperadas ou creadas dende hai varias décadas.

«Levamos case que trinta anos traballando neste proxecto. Todo comezou coa primeira escola taller, a que recuperou o Muíño das Lousas. Daquela Paco Fumega —o actual alcalde era entón o director da mesma— xa tiña na cabeza todo o que veu despois e que hoxe é unha realidade: os muíños do Parque etnográfico do Arenteiro, o cámping das pallozas e o restaurante, a recuperación da Pena dos Namorados e agora o museo. Na etapa da escola taller, aquí só había silveiras, pero el xa sabía o que se podía facer». Sobrado Pérez, que dende setembro coordina os traballos xunto ao seu compañeiro do Chamoso Juan Manuel Rodríguez, lembra o potencial da comarca no sector: «O Carballiño foi unha das principais comarcas papeleiras de Galicia. En tempos aquí funcionaban catro fábricas: esta —que xa estaba operativa en 1840— e a de Bouteiro no municipio, a de Astureses (Boborás) e a de Lousado (Piñor). A zona de Santiago-Noia, Ferrol e O Carballiño eran os tres grandes centros produtores de papel», lembra Sobrado. Co paso dos anos o recinto da Lavandeira converteuse na primeira central hidroeléctrica carballiñesa.

 De Larouco ao Museo do Viño

O historiador e investigador leva dende hai décadas desenvolvendo iniciativas por toda Galicia. Discípulo de Antonio Rodríguez Colmenero, foi o primeiro galego que participou nas campañas de escavacións de Aquis Querquennis —entre 1980 e 1987— xunto aos alumnos que o profesor traía de Euskadi (onde impartía clases) e membro fundador do grupo arqueolóxico Larouco, ao que sigue vencellado. Desenvolveu proxectos como a musealización e a creación do espazo dos muíños da Fraga (Moaña), colaborou no Museo de Arxeriz na parte relacionada coas barcas do ríos e participou na proposta do Museo do Viño do Galicia, ocupándose da etapa histórica medieval.

Sobrado foi un dos fundadores do Chamoso Lamas e considera que o obxectivo está cumprido: «Queríamos demostrar que no Carballiño había unha historia e un legado que pór en valor, e a realidade e os traballos están aí».

As adegas do Ribeiro e o adiado desexo de recuperar a Perfectino Viéitez

O Centro de Estudos Chamoso Lamas celebrará no 2024 os seus trinta anos de historia e Xosé Luis Sobrado exerceu como presidente do colectivo a maior parte do tempo —«uns 23 ou 24 anos, non botei a conta»—. Conseguir contar cunha sede de seu e a exposición que fixeron hai anos sobre o románico na comarca carballiñesa son dúas das iniciativas das que garda un bo recordo. Logo dunha primeira entrega, o historiador traballa nun novo libro para o Museo do Viño de Galicia sobre as adegas históricas do Ribeiro, nomeadamente das zonas dos ríos Avia e Miño. E mantén vivo un proxecto ao que lle ten especial cariño: recuperar a figura de Perfectino Viéitez. Prototipo do triunfador filántropo, o que fora —entre outras cousas— alcalde de Boborás desenvolveu unha carreira de éxito no comercio de xoias e minerais. Accións como a doazón do edificio que acolleu a Escola Normal de Ourense, a construción do muro do cemiterio e a compra das campás da igrexa parroquial do Carballiño foron só algunhas das súas accións. «Tamén mercou moitas medicinas e alimentos para as familias na gripe do 18, foi empresario inmobiliario de éxito e decidiu o trazado do tren pola comarca», lembra.

Quen é. Actividade. Espazo.

Quen é. Xosé Luis Sobrado Pérez naceu en Feás (Boborás) en 1960.

Actividade. Historiador pola USC é inspector da Consellería do Mar.

Espazo. O Museo do Papel de Galicia, lugar que abrirá as súas portas no verán e que completa o Parque Etnográfico do Arenteiro.