
Na vila foron instaladas esculturas que recrean os personaxes de Miguel Anxo Fernández
21 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) creou hai anos o detective Frank Soutelo, personaxe literario que xa leva protagonizadas sete entregas. Comezou a saga con Un nicho para Marilyn (2002), e A conxura do sete foi editada por Galaxia —como as anteriores— no ano 2022. Aínda que natural dos EE.UU., o investigador privado ten orixes galegas —pai de Soutelo de Montes e nai de Muros— e por Galicia adiante están ambientadas a maior parte das súas historias. E dende onte xa conta cunha ruta literaria pola vila do seu creador. A publicación desta —que inclúe os lugares do Carballiño que figuran nas obras de Miguel Anxo Fernández, nos que con anterioridade se foron instalando placas e siluetas en aceiro cortén— foi presentada este venres nun acto no que o autor estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e un dos creadores do proxecto: o deseñador gráfico Eladino Cabanelas. A doutora en Filoloxía Románica e profesora universitaria Mariña Arbor é a outra responsable da iniciativa.
Como paso previo á presentación do material editorial foron instaladas pola vila as esculturas que recrean a Frank Soutelo, Dalia Maxino e Franeiras —no futuro engadiranse outros dos personaxes fixos da saga literaria— e placas de metacrilato sinalando os espazos por onde pasou o detective. Todos os puntos están localizados nun mapa do casco urbano da vila que permite percorrer todos os lugares que aparecen nas obras de Fernández. Outros puntos de interese e información sobre o escritor e a saga completan os folletos da ruta.