Agrupacións de Ferrol, Carballiño e Portonovo, no festival de corais de Valga
O CARBALLIÑO

A cita será o 4 de outubro no auditorio de Cordeiro
22 sep 2025 . Actualizado a las 18:46 h.Catro agrupacións musicais daranse cita, o vindeiro 4 de outubro, no auditorio municipal de Valga para participar nunha nova edición do Festival de Outono de Corais. Organizado pola Polifónica Santa Comba de Cordeiro, o evento reunirá a Airiños de Caranza, á Polifónica do Casino de Carballiño e á agrupación Santa María Adina, de Sanxenxo. Cada coral realizará unha actuación individual —o espectáculo arrincará ás sete da tarde— e como colofón interpretarán varios temas de forma conxunta.
Este festival de outono vén sendo organizado dende os seus inicios pola Polifónica Santa Comba, que trata deste xeito de darlle visibilidade ao esforzo realizado durante todo o ano polas persoas que compoñen este colectivo. Desde o mesmo fan un chamamento «a todas as persoas que teñan interese polo canto para que se acheguen, proben e, se lles gusta, participen na coral».