Reivindicación ourensá da figura e a obra de Carlos Casares

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O Simeón acolleu unha xornada organizada pola Real Academia Galega e a Fundación Casares

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano cultural adicado á figura e á obra de Carlos Casares camiña cara ao seu remate, unha circunstancia que está dando pé a toda unha serie de iniciativas, proxectos e convocatorias arredor do legado e a memoria do escritor ourensán. E nesa reivindicación non podía faltar a súa relación coa cidade na que naceu é á que sempre estivo vencellado, aspecto que se analizou nunha xornada celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Da man da Real Academia Galega e da Fundación Carlos Casares déronse cita na sociedade cultural ourensá os presidentes destas dúas institucións -Víctor Fernández Freixanes e Xavier Casares Mouriño-, Afonso Vázquez Monxardín, Maribel Outeiriño, Luís González Tosar, Xosé Manuel Salgado e Bieito Iglesias. O repaso da súa obra, as vivencias ourensáns, a relación de Casares e Kristina Berg coa cidade e os seus amigos ourensáns ou as reflexións de Bieito Iglesias sobre Casares e o pensamento solar foron aspectos abordados.

O presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, salientou algúns dos proxectos promovidos este ano -de xeito especial o roteiro sobre o escritor que desenvolveu Afonso Vázquez-Monxardín- ao tempo que dixo botar en falta algún traballo ou iniciativa que se centrase exclusivamente en afondar na relación da obra de Casares e do propio escritor con Ourense.

Citas en Pontevedra e Vigo

As xornadas da RAG e a fundación teñen continuidade hoxe en Vigo coa sesión centrada no Casares editor. Tamén está prevista a inauguración en Pontevedra da exposición sobre o escritor:Os mundos de Carlos Casares.