Pedro Membiela: «Paren de pedirlle cousas á educación; o ensino non é un pozo sen fondo»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Pedro Membiela frente al pabellón 1 del campus de Ourense
Pedro Membiela frente al pabellón 1 del campus de Ourense Miguel Villar

O docente e investigador, que se xubila con 70 anos, pide que se coiden as vocacións

16 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No despacho de Pedro Membiela, no pavillón 1 do campus de Ourense, só queda unha caixa de almacenaxe de plástico cos últimos obxectos recollidos polo veterano docente para deixar expedita a habitación. Tanto os armarios coma unha ampla estantería na que aínda se ven os carteis que dan pistas do seu contido están baleiros. Igual que os caixóns que mandou facer a un carpinteiro para poder usar unha vella mesa de mestre de madeira que trouxo ao recinto universitario tras rescatala dun fallado. Pedro Membiela, nado no pobo de Riotorto (Lugo) no 1953, pecha este mes unha traxectoria docente de 46 anos. Un camiño que este licenciado en Bioloxía iniciou dando clases de bacharelato e que remata formando parte do claustro da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo no campus de Ourense como profesor titular da área de Didáctica das Ciencias Experimentais no departamento de Didácticas Especiais. Cunha traxectoria investigadora case tan ampla como a docente, ten asinadas máis dunha vintena de publicacións e preside tamén Educación Editora, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é contribuír á mellora da educación propiciando a investigación e a divulgación das innovacións neste eido, tanto organizando congresos, seminarios e xornadas, como con publicacións propias da entidade.

—¿Cal é o balance que fai destas máis de catro décadas?

—Eu síntome plenamente realizado, o cal non quere dicir que fora bo profesor. A docencia, como calquera outra profesión, ten as súas complicacións, pero sempre me tirou, dende que estaba na secundaria. Houbo cousas, problemas e incluso desgustos en tódolos campos pero o balance é positivo, tanto na docencia como na investigación. Incluso na parte de organización e xestión, que tamén a tiven. Ó mellor por iso nunca tiven présa en xubilarme, en contra da tendencia que hai agora de escapar en canto se pode.

—¿Percibe moitas diferenzas nas novas xeracións de mestres que pasaron polas súas mans?

—Algunhas son moi obvias, porque os tempos cambian e cambia todo. Tamén os estudantes e os profesores. Pero penso que, aínda que somos distintos, somos moi parecidos no fondo, afortunadamente. O que sigue primando nos que chegan á universidade porque queren ser mestres é o aspecto vocacional. Cando eu fixen Bioloxía, dos cento e pico da miña profesión, só tres ou catro tiñamos xa claro que queríamos ser profesores. Que as persoas vaian a facer traballos que lles gusten é sempre un plus. E eu sigo vendo no maxisterio ese tesouro da vocación que hai que preservar. Vexo máis cambios a outros niveis que tamén son importantes.

—¿Como cales?

—Na cantidade de cousas, cada vez maior, que se lle piden agora á educación. Os cambios normativos, que parece que cada ministro teña que facer polo menos unha lei ou dúas ou tres, está documentado e aparece xa en investigación, que son un problema moi serio para os profesores. ¡Paren de pedirlle cousas á educación! O ensino non é un pozo sen fondo. Menos é máis. Hai que ir centrándose no básico, priorizar cales son as cousas fundamentais. ¿Cantas esixencias estamos trasladando aos profesores? E conste que tamén teño a impresión que de que os docentes estamos a facer moita presión aos alumnos con deberes e traballos.

—¿Pensa que se esta descargando nos colexios parte da labor educativa que lle correspondería ao entorno familiar ou social?

—Evidentemente a presión sobre os mestres aumentou. Pero tamén hai que ter claro que cando se ensina non só estamos a falar do coñecemento no senso estrito, tamén abarca, por exemplo, formar en certos hábitos. E iso vese moi claro na educación infantil. A educación ten unha faceta de coidado da persoa. Facemos unha labor social e, como noutras profesións, temos que estar ao servizo da sociedade. E agora non é o mesmo como cando eu estudaba. Nas familias teñen que traballar os dous e as cargas que teñen aumentaron principalmente nas nais. Non se dispón dese tempo para estar cos nenos e boa mostra é a oferta de actividades que as institucións organizan no verán incluso en pobos pequenos.

«O do tempo de ocio é un concepto urbanita e eu son da cultura rural»

Os que o coñecen ao profesor Pedro Membiela Iglesia destacan a súa capacidade de traballo. Home sincero e pouco dado á falsa modestia el non nega esa virtude, da que di sentirse moi orgulloso. «Son un currante de toda a vida, e a moita honra», comenta. Este lugués de nacemento e crianza, afincado en Ourense dende 1980, explica que nunca lle pesaron as horas feitas de máis. Nin as que caeron dentro das xornadas laborais de luns a venres, nin as dalgúns fins de semana que botaba preparando temas para as clases ou avanzando nas investigacións. Prolongou a súa vida laboral ata o límite permitido e recoñece que non sabe como encaixará a nova etapa.

—¿Non lle tiña xa ganas ao cambio de ritmo que, se supón, chega coa xubilación?

—A verdade é que hai que recoñecer que é un cambio moi grande que asusta. A min tamén. Tes toda vida centrada nunhas cousas e, de repente, desaparecen.

—Pero seguro que algún plan ten.

—O que farei, como lle dixen á miña muller, son cousas que tiña pensando facer e que non puiden ata o de agora. Penso que combinarei. Farei cousas novas pero tamén seguirei con outras que xa estaba facendo ata agora, quizá a un ritmo diferente. Aínda teño compromisos no mundo da investigación vinculada á educación. E ese é un campo no que penso continuar porque hai moito por onde tirar. Seguirei na faceta investigadora, ademais de continuar coa asociación Educación Editora, organizando actividades e publicando.

—Agora que terá máis tempo de ocio, ¿vaino a dedicar a algunha afección que non puidera desenvolver ao seu gusto mentres estivo en activo?

—O do tempo de ocio é un concepto urbanita e eu son da cultura do rural. De feito na casa temos ovellas, unhas galiñas, unha gata e un can, ademais dunha horta. No rural, a lo menos no tradicional, non existe esa división do mundo do traballo e o mundo de fóra da xornada laboral. Non hai esa separación. So hai un mundo. Non hai hobbies, iso non existe. No pobo, meu pai dicíame ás veces de ir ata algún sitio lonxano, no monte, ao que non íamos habitualmente. Pero era para ver como estaba e levábamos o fouciño, por se había que rozar ou adecentar algo. Basicamente íamos de paseo, pero formalmente non se entendía como tal. A camiñada non era andar porque si, era ir por supervisar e arranxar se facía falta.

«As tecnoloxías son necesarias, pero os problemas básicos do ensino son outros»

Na súa longa traxectoria Membiela ocupou a vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da universidade e defende que precisamente a faceta innovadora debería ter unha maior influencia no sector do ensino. «Hai moita xente que innova, pero non se coñece, entre outras cousas, porque moitas veces nin a persoa que fai esas cousas distintas lles dá o valor que teñen, polo que nin ela, nin o resto, lle están sacando o rendemento que se lle podería sacar. Deberíamos aprender máis do que nos facemos e do que fan os demais», afirma.

—Por certo, ¿que opina de que xa nalgúns países europeos están retirando as novas tecnoloxías das aulas?

—A educación é un tema complexo e non se pode pensar nela en termos simplistas. ¿A tecnoloxía vai resolver os problemas sociais, económicos ou políticos do mundo? Non o fixo ata o de agora, como tampouco os resolveu a ciencia. A vida é complexa. As tecnoloxías son necesarias e os recursos tecnolóxicos tamén, pero os problemas básicos en educación son outros: ensinar e aprender. O que hai tamén é un negocio que aproveita o mundo educativo para ganar cartos, o cal é lexítimo, pero ata un punto.

—¿Cre que a formación que se lle está dando aos futuros mestres vai por bo camiño?

—No mundo real as cousas nunca son brancas ou negras. Hai cousas mellorables sempre. Penso que tiñamos que mellorar a conexión coa práctica educativa. Relacionarnos máis coas aulas e cos profesores, tanto en infantil como en primaria. Estanse facendo cousas pero considero prioritario explorar máis esta vía. En tempos tiñamos as anexas; que apareceron precisamente con esa idea. Montáronse ao lado das escolas normais para ter esa conexión coa realidade.