
Gómez cre que o PSOE será alternativa de goberno na Deputación no 2019
19 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Ignacio Gómez anda estes días sen folgos. O sábado accedía á alcaldía de Ribadavia e nesta semana non fai máis que atender os compromisos aos que debe facer fronte, dende os requisitos burocráticos ao nomeamento do novo deputado provincial. Nese aspecto seguirá ostentando o cargo, ao contar co apoio dos seus compañeiros do Ribeiro.
-Doce anos na corporación e doce anos no goberno. E agora como alcalde.
-Tiven a sorte de que conseguimos o goberno na primeira vez que me presentei, e aí estivemos en solitario ou con pactos. Obviamente a responsabilidade é outra, e maior, neste novo escenario.
-Diu un paso adiante para pechar dunha vez por todas a aprobación definitiva do PXOM. ¿Esa é a prioridade?
-Sen dúbida. Para nós é fundamental. Temos que aprobalo dunha ver por todas para deixar planificado o futuro e dar resposta a todas as necesidades que ten a vila. Imos contestar todas as alegacións, unha por unha serán remitidas as respostas por correo certificado, e a nosa previsión é telo en vigor ao comezos do 2016. Por iso reitero que o máis urxente é sacar adiante o PXOM, e o resto virá co proxecto porque hai moitas iniciativas que non se poden materializar sen iso.
-¿Refírese ao centro de saúde?
-Podería ser un exemplo, aínda que aí xa aprobamos un plan parcial para que a Xunta non seguise poñendo atrancos á promesa de crear o novo centro. Pero son moitas máis cousas: temos que facer un cemiterio novo -o que hai está no medio do pobo e non se pode ampliar-, crear zonas de desenvolvemento para novos servizos ou para que se podan materializar algunhas propostas que dinamizarían a vila... son moitas cousas.
-En campaña dixo que había interese empresarial no parque de Ribadavia. ¿Era certo ou só a típica promesa electoral?
-Unha das nosas prioridades será potenciar o parque e amplialo na medida do que podamos. E sobre o que me pregunta, dicirlle que hai naves modernas e abandoadas no recinto industrial e temos empresas interesadas en instalarse aí. Obviamente hai procesos concursais e téñense que cumprir os prazos.
-¿Sigue apostando polo binomio turismo-comercio?
-Xunto co viño son os nosos piares fundamentais. O comercio é vital para nós. Eu xa promovín, porque tiña esa responsabilidade na anterior corporación, proxectos para dinamizar o sector. Hoxe mesmo -por onte- estiven percorrendo os estabelecementos co personal de desenvolvemento do Concello para que a xente estea informada das axudas que pode pedir e de todos os servizos que lle podemos dar. E no caso do turismo Ribadavia é un dos referentes. E volvendo ao do PXOM, tamén aquí vai ser decisivo contar con novo planeamento para a aldea termal e as actuacións que se queren facer nas termas de Prexigueiro.
-¿E no caso do viño?
-Aí temos que implicarnos máis que nunca. Hai que loitar polo contrato homologado porque os nosos agricultores non poden seguir así. Pedirei a implicación de todos os alcaldes da zona porque iso é prioritario para a comarca do Ribeiro.
-¿Abrirá algún día o Museo do Viño de Galicia?
-Esa é responsabilidade da Xunta. E tanto niso como noutras cousas, prometeron un ciclo de vitivinicultura en FP para o próximo curso e o día 16 sairon os plans 2015-2016 e viuse que era mentira, o PP sigue enganando aos veciños e marxinando a Ribadavia.
-¿Como afronta a nova etapa como portavoz da Deputación?
-Non é o momento de falar diso. Non sei se vou ser portavoz ou non, teremos que elexilo, pero do que non cabe dúbida é de que temos que traballar para ser alternativa de goberno no 2019.
ignacio gómez alcalde de ribadavia e portavoz do psoe na deputación