Sempre a MIT

Xosé M. Rodríguez ANACOS

RIBADAVIA

24 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de anos de loitas reivindicativas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia amósase en todo o seu esplendor. De sempre tivo a MIT corpo guerreiro, é o seu, e se así foi en tempos pasados non ía ser menos neste escenario de recortes, teatricidios e culturicidios con IVE e nocturnidade; e anos de ermo para o sector. Agora que, non sen tempo, conseguiu o certame que organismos como a Xunta e a Deputación se implicasen no proxecto -agardemos que tamén tome conciencia de seu o Ministerio de Cultura- a Mostra mantén aceso o seu compromiso coa escena galega e coa aposta pola calidade, o risco e as novas propostas.

Nestes días Ribadavia foi de novo punto de encontro para o sector escénico de Galicia e Portugal -dende a vila voltaron saír as voces que reclaman máis sensibilidade e compromiso coas artes escénicas e a necesidade de contar cunha lei propia para o fomento das mesmas-, as rúas reivindicaron outra volta a súa condición de teatros, a formación acadou de novo protagonismo e a MIT espallou a súa programación para conquistar novos espazos para a Mostra, como o Club Artístico ou a rectoral de Santo André de Camporredondo. O festival vai camiño do seu remate e nesta volta o protagonismo ten un aquel de «esencia MIT»: unha proposta escénica sobre Chile e o mito de Salvador Allende vóltanos a unha das facetas que foron a cerna dos primeiros tempos deste movemento cultural da capital do Ribeiro, o compromiso social, e un ano -o 73- que é o da colleita Abrente.