Juan Antonio Bande: «Amo a Ribadavia e dóeme que non consigamos revitalizar a vila»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

Juanán foi, entre outras cousas, edil, fundador da Feira do viño e dirixiu o Artístico

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouca xente haberá que poda dar testemuña do acontecido na Ribadavia da segunda metade do pasado século coma el. Por idade e porque Juan Antonio Bande Alonso (Ribadavia, 1930) leva sendo un dos protagonistas, «sempre con bos compañeiros e con amigos que é como mellor se fan as cousas», de moitas das iniciativas e proxectos que se desenvolveron na capital do Ribeiro durante décadas. A relación é longa e convén non ser precisos en exceso, por aquilo de aforrar, xa que Juan Antonio Bande Alonso —Juanán— foi un dos fundadores da Feira do viño do Ribeiro, concelleiro nuns anos nos que pola vila pasaron artistas como Julio Iglesias ou Karina, presidente do Club Artístico de Ribadavia, tesoureiro do Ribadavia Atlético, presidente de honra da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, promotor da Coral do Club Artístico e algunhas cousas máis.

Sempre con algo no que enredar, e obxectivos que cumprir, agora centra os seus esforzos na Asociación de Amigos do Patrimonio Relixioso de Ribadavia e xa conta con propostas pechadas e novas teimas. Con boa disposición á colaboración e á conversa, apraza a cita proposta cun argumento poderoso: «Ese día non podo porque está reservado. Fago 93, que non se cumpren todos os días, e hai que celebralo como se merece. Fóra diso, calquera outro me vale». Nada que obxectar.

Logo de dezaseis anos presidindo a asociación do Etnolóxico e de desenvolver unha ampla actividade na mesma —dos roteiros ás publicacións ou ás excursións e actividades no museo— viu chegado o momento de deixalo. «Quería que houbese un relevo antes de morrer para poder ver que o proxecto seguía e se mantiña o obxectivo», recoñece. Mais como sempre ten algo no que matinar, deixouse levar cando lle comentaron que se precisaba botar man do patrimonio relixioso da vila. «Estou contento porque as xestións que fixemos deron resultado e este ano vanse investir 733.000 euros na remodelación integral de Santo Domingo. O apoio do conselleiro Román Rodríguez para este proxecto foi total e non queda menos que ser agradecidos», sinala. O seguinte obxectivo xa o ten en mente: «Temos que conseguir arranxar o entorno da igrexa da Oliveira. É un espazo único que se merece un proxecto para melloralo e potencialo», afirma Juan Bande ao tempo que lembra o moito que xogou nese patio sendo cativo.

E pouco menos era cando empezou a súa vida laboral, unha traxectoria doutro tempo das que xa forman parte da historia: botou case medio século traballando no mesmo baixo. «Entrei de botones con 15 anos na Banca Nogueira e saín 48 anos despois. No 71 o Banco Central mercou a Banca Nogueira —foi o primeiro sitio da provincia na que tivo presenza— e logo pasou a ser o Banco Central Hispano. Empecei facendo recados e funme como director do BCH, e xa non cheguei á etapa do Santander», lembra.

A paixón pola vila é a súa bandeira —rexeitou marcharse cando lle propuxeron ser director de zona do banco en Pontevedra cun sinxelo «non me interesa»— e ten un lema que podería ser axeitado para calquera campaña: «Todo por Ribadavia».

Militante comprometido coa causa da capital do Ribeiro, recoñece que non ve o xeito de recuperar aquel pulo e a vitalidade de hai décadas, cando o pobo era referencia da provincia e de Galicia en moitas iniciativas. «Nos anos 70, 80 e 90 eramos a vila coa actividade artística, cultural e industrial máis destacada da provincia. Pero todo iso foise perdendo e non damos remontado. Sitios como O Carballiño ou Allariz foron para arriba e medraron e nós seguimos perdendo. E non é culpa dos gobernos de turno nin de cousas concretas. Non fomos quen de xuntarnos como pobo para tentar sacar isto adiante e recuperar o pulo que tivemos. É cuestión de amor propio. Amo a Ribadavia e dóeme que non consigamos revitalizar a vila», recoñece con mágoa.

Un viaxeiro impenitente ao que só lle queda coñecer Oceanía

Imposible resumir todas as vivencias e anécdotas de Juan Bande. Da colección de persoeiros cos que coincidiu ou tratou ás experiencias como a ledicia de participar na Istoria. «Tiñamos un posto de ferreiros que era unha atracción. Ademais como eu teño perfil de xudeu pois aquilo era perfecto. Pasámolo xenial», lembra ao tempo que sinala que deixou de participar na festa cando morreu a súa primeira muller.

Viaxeiro impenitente, leva percorrido catro continentes e en moitos dos destinos ten estado en varias ocasións. «Pasei por toda Europa, agás un poucos países do Este, por Cuba, Panamá, Arxentina, República Dominicana, India, China, Vietnam, Corea, Israel, Estados Unidos. Fun en varios cruceiros e teño estado en catro das sete marabillas do mundo —A gran muralla, Petra, o coliseo de Roma e o Taj Mahal—. O único que me queda por coñecer é Oceanía. Sempre me gustou moito, as viaxes son os fillos que non tiven», resume. Agora os destinos, un ao mes, son de proximidade: «O parador de Muxía é espectacular».

DNI

Quen é. Juan Antonio Bande Alonso, Juanán, naceu en Ribadavia hai 93 anos.

Ocupación. Foi traballador de banca: entrou na Nogueira e marchou do mesmo local 48 anos despois, sendo director do BCH. Foi concelleiro, un dos creadores da Feira do Viño do Ribeiro e presidente do Club Artístico de Ribadavia, entre outras cousas.

O seu espazo. O edificio da Banca Nogueira, agora baleiro, e o castelo son as dúas referencias inescusables para Juanán.