
Xosé Ramón Estévez e Vicente Piñeiro publican o libro «O Mestre. Gonzalo Yáñez de Novoa. IX Mestre de Calatrava (1218-1238)»
02 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai anos que o investigador Xosé Ramón Estévez Pérez leva traballando arreo sobre a figura dun persoeiro que considera fundamental e de gran importancia no devir histórico de Galicia e da península. Tempo atrás asinou o artigo El Cid del Ribeiro, Don Gonzalo Yáñez de Novoa, Maestre de la Orden de Calatrava en Diversarum rerum: revista de los Archivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que dirixía Miguel Ángel González. E agora chega o ensaio novelado que asina xunto a Vicente Piñeiro González: O Mestre. Gonzalo Yáñez de Novoa. IX Mestre de Calatrava (1218-1238), obra publicada pola Editorial Toxosoutos. «Decantámonos por acometer o traballo dende o punto de vista dun texto algo novelado para non crear unha obra de carácter histórico puro, porque senón sería unha relación de batallas, conquistas de castelos e fortalezas e outros feitos que se convertería nunha publicación moi aséptica e ardua. Queriamos darlle un pouco de ritmo e que non foise unha obra moi monótona», precisa. Xosé Ramón Estévez deixa clara a súa paixón polo persoeiro histórico e a súa categoría: «É un descoñecido para o gran público, pero é un persoeiro de máis relevancia que O Cid, polas súas conquistas e por todo o que fixo ao longo da súa vida». Ese descoñecemento é o que queren atallar Estévez e Piñeiro. «O castelo dos Novoa estaba na Franqueirán e a pesares da súa relevancia o padre Samuel Eiján non o cita na súa Historia de Ribadavia y sus alrededores (Madrid, 1920), que é a obra de referencia para a vila e a comarca do Ribeiro», lembra. Polo traballo que agora chega ás librarías camiñan outras figuras destacadas do seu tempo, mesmo vencelladas familiarmente ao protagonista, e así figuran Pedro González de Nóvoa —Mestre da Orde de Alcántara (1234-1254) e da de Calatrava (1254-1267)—, os reis Alfonso IX de León, Fernando III o Santo, Alfonso X o Sabio, as Cantigas a Santa María e acontecementos que forman parte destacada da historia. O libro O Mestre. Gonzalo Yáñez de Novoa. IX Mestre de Calatrava (1218-1238), presentarase o día 11 na Alameda de Ribadavia (12.00 horas). Será o primeiro paso de moitas outras iniciativas: «Hai que reivindicar a súa figura, crear unha estatua ou facer outras cousas», di Estévez.